RGPD - Cookies
Galicia Vigo al día

A Deputación ‘envía’ a estudar ao estranxeiro a 90 titulados en FP

Empeza a 7ª edición de ‘Practicum Depo’

A Deputación 'envía' a estudar ao estranxeiro a 90 titulados en FP

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a sétima edición do proxecto ‘Practicum Depo’, que permite a persoas tituladas e docentes de FP realizar mobilidades no estranxeiro para impulsar a súa integración no mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e institucións no caso do alumnado e para ampliar a súa formación no do profesorado.

A Xunta de Goberno vén de dar luz verde á esta nova quenda do proxecto, enmarcado no Programa Erasmus +, cun orzamento dun millón de euros e que está cofinanciado na súa maior parte polo SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación).

38 centros de Formación Profesional da provincia.

A través do programa serán 90 persoas recentemente tituladas en ciclos medios pertencentes a distintas familias profesionais as que poderán beneficiarse dunha mobilidade de longa duración (182 días), e 9 os e as docentes que
desfrutarán dunha estadía de 8 días para ampliar a súa formación.

As e os beneficiarios serán seleccionados polos 38 centros educativos que participan no ‘Practicum Depo’ e poderán realizar as súas mobilidades en países como Irlanda, Alemaña, Bélxica, Grecia, Irlanda, Italia, Portugal, Malta, Francia, Finlandia, Países Baixos, Polonia, Romanía ou Islandia.

Inclusión

Amais, concedeuse unha partida específica de apoio á inclusión das persoas participantes. Deste xeito, reservarase ao redor do 15% das bolsas ofertadas ao alumnado con menos oportunidades. Con este financiamento preténdese salvar as barreiras que poidan dificultar a súa participación no proxecto, como as diferencias culturais, obstáculos sociais, económicos ou outros obstáculos vinculados á discriminación.

Dende 2015 impulsáronse 514 mobilidades

Desde a posta en marcha do Practicum Depo no ano 2015 a Deputación de Pontevedra impulsou un total de 514 mobilidades, 493 de estudantes e 21 de persoal docente, que permitiron mellorar a súa capacitación a través da experiencia vital e formativa no estranxeiro propiciada polo programa.

O investimento total foi de 6 millóns de euros, dos que 5 foron aportados polo SEPIE e preto dun millón pola
institución provincial. Hai que lembrar amais que a Deputación conta cunha Acreditación Erasmus no ámbito da educación na Formación Profesional, un certificado de calidade que facilita ter acceso simplificado ás oportunidades de financiamento durante a duración total do novo programa. Este feito permitirá á institución provincial seguir a avanzar no ‘Practicum Depo’, coa posibilidade de establecer unha estratexia propia a largo prazo.

También te puede interesar