Galicia

A xustiza permite cobrar a xubilación e manter a titularidade dunha empresa

Sempre que as actividades non impliquen una dedicación profesional

Ancián dirixindo unha empresa

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou nunha sentenza que o goce da pensión de xubilación é “compatible co mero mantemento da titularidade dun negocio”, a condición de que esa persoa desempeñe só “as funcións inherentes a esa titularidade que non impliquen unha dedicación de carácter profesional”.

Os maxistrados salientan que para ser cualificado como traballador por conta propia “non basta con ser titular dunha empresa ou negocio, senón que é preciso realizar un traballo efectivo, en sentido económico, de forma habitual e directa”.

Compatibilidade da alta no Réxime de Traballadores Autónomos e a pensión de xubilación

A Sala incide en que se debe admitir a plena compatibilidade do alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) co percibo da pensión de xubilación “a condición de que o pensionista manteña a mera titularidade do negocio”, á vez que advirte que a persoa traballadora debe desvirtuar con probas a presunción legal de estar a realizar un traballo por conta propia que implica darse de alta no RETA.

Aínda que a inclusión no RETA (xa sexa de oficio ou por parte do propio autónomo) presupón que se exerce de forma habitual, persoal e directa unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeición por ela a contrato de traballo, e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sempre caberá a acreditación de que concorra a excepción, cuxa proba incumbe ao autónomo, consistente en que se ostente a mera titularidade do negocio”, indican os maxistrados.

O alto tribunal galego entende que se debe distinguir “entre o exercicio de funcións inherentes á titularidade do negocio, entre as que se atopan as de índole administrativo, de relación con organismos oficiais, concellos, tributarias, etc., nas que o xubilado segue sendo dono do negocio e, como tal, paga impostos, asina contratos, ostenta a representación da empresa, etc., daqueloutras actividades que supoñen levar persoalmente a explotación do negocio, con presenza física nel ao longo da xornada, traballo de despacho, de oficina ou doutro tipo, de maneira que só se produce a incompatibilidade co cobro da pensión no segundo caso”.

También te puede interesar