Destacados Vigo al minuto

Vigo emite o dobre de gases contaminantes que o recomendado pola OMS

O BNG pide medidas ante o “desinterese do Goberno local”

Vigo emite o dobre de gases contaminantes que o recomendado pola OMS

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de reclamar explicacións este luns ao Goberno municipal sobre os avances en materia medioambiental. Dende o Bloque apuntan a que xa pasaron máis de dous anos da declaración de emerxencia climática na cidade, aprobada por unanimidade no Pleno en setembro de 2019.

O BNG trasladou esta cuestión ao goberno local na última comisión informativa de Medio Ambiente ante o “desinterese e a falta de medidas despregadas neste tempo”.

“Un Vigo con futuro só pode ser un Vigo en verde”

“Xa advertimos que esta declaración non podía ficar en papel mollado”, subliñou o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas. “Queremos que Abel Caballero e o seu goberno expliquen se van mantela como un brinde ao sol ou imos afrontar a serio este reto ambiental”, explicou Igrexas, que chamou a apostar por “un Vigo con futuro, que só pode ser un Vigo en verde”.

O concelleiro do BNG exemplificou o “desleixo do actual Goberno municipal” recordando que o Consello Sectorial de Medio Ambiente, máximo organismo consultivo do Concello de Vigo nesta materia, leva máis dunha década sen realizar unha reunión. “Para alén das declaracións de intencións e dos discursos, o que vemos é un Goberno que lle vira as costas a unha cuestión esencial, estratéxica e urxente”, manifestou.

Cidade ecolóxicamente sustentábel

Igrexas defendeu que avanzar cara “un modelo de cidade ecoloxicamente sustentábel debe ser unha prioridade na axenda política municipal”. Así, salientou que Vigo segue a emitir na actualidade o duplo de gases contaminantes que recomendan os niveis da Organización Mundial da Saúde e ten un elevado tráfico rodado, con máis de 150 mil coches rexistrados.

“Non existe unha alternativa real á utilización do vehículo privado por insistir nun modelo de autobús urbano obsoleto, deseñado nos anos 90. Non conta coas frecuencias necesarias e ten un mapa de liñas que non responde ás necesidades do conxunto dos barrios e das parroquias nunha cidade tan extensa e complexa como Vigo”, explicou Igrexas.

También te puede interesar