Cultura Vigo al minuto

Porto Maresía chega esta semana a Vigo e A Coruña

Do xoves, 25, ao domingo, 28 de novembro

Herdeiros da crus

Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman o cartel do novo ciclo musical Porto Maresía: concertos con sabor a sal, que chega esta semana a Vigo e A Coruña.

A iniciativa, impulsada por Art Music co apoio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22, celebrarase do xoves 25 ao domingo 28 de novembro en dous escenarios de referencia: o Auditorio Palexco, situado nos peiraos coruñeses, e o Teatro García Barbón, de Vigo, un imponente espazo neobarroco próximo ao porto pesqueiro máis importante de Europa.

As entradas do ciclo Porto Maresía están a disposición do público a través da plataforma online Ataquilla.com

Porto Maresía

O sentimento especial que experimentamos ao intuír o recendo do salitre logo de pasar tempo lonxe do mar. O sabor a mar que nos fai sentir como na casa. Iso é Porto Maresía: a música que nos traslada ata o lugar que é o noso fogar.

A música, como o mar, arrólanos, sacódenos, refréscanos, mergúllanos. Apodérase de nós e sempre volvemos a ela. E, aínda que estiveramos un tempo lonxe das cancións en directo, era tempo de regresar. Benvidos a Porto Maresía: concertos con sabor a sal.

Un ciclo auténtico cunha selección de artistas galegos que aúnan, baixo a súa figura, a tradición e os estilos máis actuais e variados da nosa escena, a ritmo de pop, rock ou canción de autor. 

Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman a grella de excepción desta primeira edición de Porto Maresía, que atracará en Vigo e A Coruña esta última fin de semana do mes de novembro. Todos eles representan -cada cal á súa maneira- o poder do autóctono, das nosas orixes, dunha identidade única e singular.

Os sons ao vivo destes catro artistas danlle forma e sentido a un ciclo que reivindica o poder da cultura galega, para difundir a nosa riqueza lingüística e musical nun evento festivo, atractivo e de calidade, que pon en valor o noso legado inmaterial.

También te puede interesar