O Concello de Redondela, a través da Concellería de Vías e Obras, comezou este venres os traballos de reforzo e mantemento das labores de rozado e limpeza desenvolvida, dende o mes de xullo, polas brigadas contratadas polo concello para esta labor.
Este ano,como novidade, engadíanse aos lotes encargados dos traballos de roza un quinto lote «de reforzo e mantemento para actuar naqueles puntos, nos que por diferentes razóns, sexa preciso realizar unha nova roza ou limpeza», explica o concelleiro Vicente Lamas.
Alongar o estado de limpeza
Este equipo de reforzo, que comezaba a traballar o venres en Ventosela para percorrer logo as diferentes parroquias e actuar onde sexa preciso, era unha necesidade evidente «nun municipio da extensión que ten Redondela que se traduce en moitos quilómetros de estradas e camiños municipais«, afirma a alcaldesa Digna Rivas.
A posta en marcha deste novo sistema de catro lotes para a roza e un para o mantemento posterior, «permite alongar o estado de limpeza das vías municipais durante moito máis tempo».
Traballos non contratados a empresas externas
As novidades deste ano para os traballos de roza e limpeza, non quedaron cinguidos á contratación deste lote de reforzo e mantemento, senón que por primeira vez, traballos de roza non foron contratados a empresas externas, senón que, tal e como explica a alcaldesa redondelá «por primeira vez, foron 11 persoas en situación de desemprego e contratadas a través do Plan Concellos, os que realizaron estes traballos que habitualmente eran encargados a unha empresa».