Destacados Vigo al minuto

Sétima sentenza en contra do Concello polo cofinanzamento das escolas infantís de Vigo

Desestima os últimos recursos presentados polo Goberno municipal

Dúas novas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalan por sétima vez o modelo de cofinanciamento das escolas infantís e centros de día públicos en Vigo dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

A xustiza desestima, así, os últimos recursos presentados polo Concello contra as primeiras liquidacións de 2017 e 2018 nas escolas infantís de Valadares e da rúa Palencia

En opinión da delegada territorial da Xunta, “sete sentenzas parecen suficientes como para que o alcalde desista de presentar recursos contra un modelo que non só está regulado por lei, senón que conta co visto e prace da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e é de aplicación en todos os concellos que a integran”.

A delegada convidou a Abel Caballero a asumir as súas competencias e permitir que 200 familias de Vigo poidan beneficiarse da gratuidade de 0 a 3 anos para segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís. Asemade, reclamoulle que cumpra o seu compromiso de regularizar os pagos ao Consorcio antes de que entre en vigor a gratuidade completa o vindeiro curso.  

Cooperación entre administracións

Segundo recolle o alto tribunal, as liquidacións xiradas polo ente autonómico non incorren nas causas de nulidade alegadas polo Concello de Vigo, “toda vez que se trata de asumir o financiamento duns servizos atribuídos pola lexislación autonómica aos entes locais e para cuxa prestación optouse por fórmulas de cooperación” entre administracións.

A resolución sinala que se trata dun servizo de carácter social, en ningún caso educativo como argumenta o Concello de Vigo no seu recurso, cuxa xestión asumiu o Consorcio a instancias da propia Administración local. Segundo indica, “en Galicia a atribución aos municipios da prestación dos servizos sociais resulta clara”.

O TSXG rexeita tamén que se infrinxa a normativa estatal de réxime local sobre distribución de competencias e a normativa autonómica sectorial reguladora dos servizos sociais, segundo expón o Concello vigués no seu recurso. Esta negativa apóiase en sentenzas do Tribunal Constitucional que deixan claro que “debe excluírse a interpretación de que os municipios soamente poden obter competencias propias nas materias enumeradas na Lei de Bases de Réxime Local […], pois semellante prohibición, indiscriminada e xeral, sería manifestamente invasiva das competencias das comunidades autónomas”.  

Hai que lembrar que o modelo de financiamento do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está vixente desde o ano 2017.

También te puede interesar