Comarcas

Cortados cinco dos tileiros de Mondariz polo seu deteriorado estado de conservación

Os pés das árbores amosaban un estado de podremia interna

Tileiros de Mondariz

Á vista do estado de conservación das árbores da Praza de España, o Goberno municipal de Mondariz tomou a decisión de cortar as cinco máis danadas para evitar riscos en materia de seguridade.

Estado de podremia interna

Este xoves, operarios municipais completaron a tarefa coa axuda de dous vehículos con guindastres. Unha vez derrubados, os pés das árbores amosaban un estado de podremia interna que xustificaba a medida. A operación, con todo, provocou reaccións dispares entre a veciñanza que era testemuña directa ou indirecta da mesma a través das redes sociais, xa que os tileiros que rodean a praza son moi queridos. 

“Cortar árbores nunca é unha decisión doada, pero había que ser prudentes. Non se podía esperar a que houbera caídas de ramas ou mesmo pés para actuar, cando xa tiñamos informes técnicos que recomendaban substituír e mesmo eliminar algúns dos tileiros porque a podremia interna estaba demasiado avanzada”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Consecuencia das podas para darlles estrutura de candelabro

En 2020, a resposta dunha solicitude expresa do alcalde de Mondariz, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizou unha avaliación técnica do estado dos icónicos tileiros da Praza de España, no que se corroboraba a diagnose dun estudo previo emitido no ano 2015: unha perigosa tendencia á podremia nos pés das árbores, derivada das podas feitas durante anos para darlles unha estrutura artificial de candelabro.

Despois dunha avaliación visual preliminar dos 35 tileiros da praza, no informe técnico recomendouse substituír e eliminar alomenos catro pés, manter a vixilancia sobre outros 25 pés por diferentes niveis de risco, ir substituíndo ou mesmo eliminando os pés máis desequilibrados, sanear aqueles tileiros que presentaran máis ramas secas e defectos estruturais, e separar o empedrado das proximidades das árbores.

Alerta logo do accidente de Mondariz-Balneario

O asunto do estado dos tileiros da Praza de España e a necesidade de actuar para manter a seguridade do lugar foi tratado na última Comisión de Urbanismo celebrada no Concello de Mondariz. Malia que este concello realiza un seguimento periódico do estado de conservación das árbores, como demostran os informes técnicos mencionados, a recente caída dunha árbore no veciño Concello de Mondariz-Balneario, que deixou unha persoa morta e varias máis feridas, alertou da necesidade de tomar medidas inmediatas para previr catástrofes.

También te puede interesar