Galicia Vigo al minuto

Abertas as convocatorias do ‘Programa Iacobus’ para investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O período de presentación de candidaturas é do 22 de novembro de 2021 ao 17 de xaneiro de 2022

Convocatoria Programa IACOBUS

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal abre novas convocatorias do Programa IACOBUS: a 9ª do IACOBUS – Estancias de Investigación e a 4ª do IACOBUS – Publicacións Científicas (Papers), que contan cunha dotación financieira de 200.000€..

O período de presentación de candidaturas abrangue do 22 de novembro de 2021 ao 17 de xaneiro de 2022.

Qué é IACOBUS?

O Programa IACOBUS  é un programa de cooperación científica, cultural e pedagóxica que ten como principais obxectivos promover e fomentar sinerxías e o desenvolvemento conxunto de actividades de investigación, formativas e de divulgación entre Universidades, Institutos Politécnicos e Centros Tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Trátase dunha iniciativa con grande éxito no universo académico da Eurorrexión GNP, como demostran os números globais das anteriores edicións realizadas -máis de 1.200 candidaturas seleccionadas, que abranguen proxectos de investigación de todas as áreas de coñecemento, cun financiamento total superior a 1.400.000 €-.

Un programa en constante innovación no transcurso das distintas edicións, e que na actualidade xa dispón de tres modalidades: Estancias de Investigación; Artigos de Investigación (Papers) e Patentes.

Estancias de Investigación

O programa IACOBUS Estancias de Investigación promove e financia estancias transfronteirizas para o desenvolvemento de proxectos nunha das entidades que participan no programa. Na actualidade son 39 (7 Universidades; 4 Institutos Politécnicos, 22 Centros Tecnolóxicos e 6 Fundacións/Institutos de Investigación de Saúde).

Poden presentar candidaturas ao programa docentes (PDI); investigadores pre e post doutorais; e persoal de administración e servizos (PAS) por parte das institucións de ensino superior. No caso dos Centros Tecnolóxicos, investigadores ou xestores de proxectos de I+D+i con polo menos 5 anos de experiencia nesas tarefas (Xestor de Innovación) e persoal con funcións de investigación ou xestión de proxectos I+D+i que non atinxan os 5 anos de experiencia (Técnico de I+D+i).

Para poder participar, os candidatos teñen que ter contrato laboral/vínculo de investigación en vigor -tamén durante o período de realización do intercambio- con algunha das entidades participantes, así como estar en condicións de poder traballar do outro lado da fronteira.

Publicacións Científicas (Papers)

IACOBUS – Publicacións Científicas (Papers) está destinado a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación, a través de axudas económicas á publicación de artigos científicos e de investigación nalgunha das revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) e no SCOPUS para as áreas de humanidades.

Estes artigos teñen que ser desenvolvidos a través da colaboración transfronteiriza conxunta, por autores pertencentes ás institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Universidades e Institutos Politécnicos) que forman parte do programa. 

Patentes

Relativamente ao IACOBUS Patentes, este pretende promover a creación de novos produtos e servizos, mediante a concesión de axudas para o fomento das solicitudes de patentes promovidas a partir da Eurorrexión GNP. Está prevista a apertura dunha nova convocatoria no primeiro trimestre de 2022, destinada a persoal vinculado ás Universidades ou Institutos Politécnicos participantes.

Todos os documentos das novas convocatorias xa están dispoñibles na Web do programa e que as candidaturas son presentadas directamente na mesma plataforma (iacobus.gnpaect.eu).  Para mais información, pódese contactar directamente coa AECT da Eurorrexión GNP a través dos e-mails: [email protected] e [email protected] .

También te puede interesar