Comarcas

Redondela clausura o programa de emprego para persoas mozas ‘Redondela Tic’

Participaron un total de 18 alumnas e alumnos

Obradoiro TIC Redondela

“Podedes estar orgullosos e orgullosas do traballo que realizachedes ao igual que nós estamos orgullosos de cada un de vós”, asegurou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, na entrega dos diplomas aos 16 alumnas e alumnos que participaron no programa de emprego para persoas mozas ‘Redondela TIC’ que hoxe se clausuraba, acto no que estivo acompañada pola secretaria territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz.

O director do obradoiro, Pablo Armada agradecía na súa intervención o apoio e colaboración do Concello de Redondela “que sempre disposto para todo aquilo que puidera facilitar o noso traballo” como da Xunta de Galicia. Tivo palabras agarimosas para os alumnos e alumnas que finalizaban a súa formación “e que conclúen este ciclo perfectamente capacitados para insertarse no mercado laboral coa garantía dunha boa preparación”.

Pola súa banda a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, transmitía as súas felicitacións ao alumnado ao mesmo tempo que puña en valor “as iniciativas que desenvolve a Xuntade cara a mellorar a cualificación profesional dos mozos e mozas”.

Recuperación do antigo Salón de Plenos

Finalmente, a alcaldesa, Digna Rivas, aseguroulles ás alumnas e alumnos que recibían os diplomas que podían estar orgullosas e orgullosos dos traballos realizados, tanto na recuperación do antigo Salón de Plenos da Casa do Concello e outros traballos que realizou o alumnado da especialidade de Carpintería e Vernizado, como a creación dun portal web para o Museo Meirande levado a cabo pola especialidade de Páxinas Web e Multimedia.

Rivas non dubidou, nas súas palabras, da capacitación profesional acadada durante o ano que durou o obradoiro “é que sen dúbida os permite entrar, con todas garantías, nun mercado laboral cada día máis competitivo e que precisa de xente formada e cualificada como vós”. A alcaldesa tivo tamén un especial agradecemento á concelleira de Emprego e Formación, María Castro Abad, “que sempre estivo atenta para das resposta aos pequenos detalles que sempre se presentan nunha iniciativa de longa duración como a que hoxe remata”.

Cómpre salientar que, en total, foron 16 alumnos (8 por cada especialidade) os que se formaron no Redondela TIC alternando as clases teóricas coas prácticas nas que amosaron, como queda demostrado coa recuperación do Salón de Plenos e o portal web do Museo Meirande, o excelente nivel acadado polo alumnado desta iniciativa.

También te puede interesar