Deportes

O Club Ciclista Rías Baixas, Campión na Clasificación Élite Española

Lograron esta tempada 18 vitorias

O Club Ciclista Rías Baixas está de parabéns tras proclamarse primeiro na clasificación de elite española e quixo celebralo da man da Deputación de Pontevedra.

Gorka Gómez, deputado de Deportes, trasladou as felicitacións da presidenta provincial polas 18 vitorias conseguidas para acadar este “éxito tan grande para o ciclismo galego” que converteu ao club vigués no “mellor club de España na categoría de elite grazas ao traballo de todo un equipo”.

Neste senso, Gorka Gómez subliñou “durísima preparación” desta tempada marcada polas restricións sanitarias, que en moitas ocasións impediron que os ciclistas levaran a cabo os seus adestramentos con normalidade.

O deputado provincial fixo fincapé na dureza desta disciplina e cualificouna como “un exemplo a nivel de valores para os máis cativos” no que moitas veces o “esforzo, sacrificio e dureza da súa práctica non ten o recoñecemento que se merece”. Tamén falou dos éxitos que están a acadar as e os deportistas da provincia de Pontevedra, o que fala “do bo momento do deporte da provincia froito da colaboración das institucións públicas e privadas”. A estas últimas agradeceulles o esforzo que realizan e que “fai posible que o obxectivo de ter mellores deportistas que acaden éxitos tan importantes”.

José Luis Chamorro, presidente do club, amosou o seu orgullo e felicidade por “un ano moi especial nos que lograron éxitos que nunca lograra un equipo galego”. Do mesmo xeito, agradeceu á institución provincial, e especialmente a Carmela Silva, o apoio recibido nos últimos seis anos “fundamental para o noso crecemento” poñendo aceno na nominativa que o club recibe por tratarse dun equipo de elite e que este ano é de 35.000 euros.

Por outra banda, Chamorro aproveitou a ocasión para poñer sobra a mesa a idea de contar cun equipo profesional “e poder levalo con esta dignidade e profesionalidade” incluso con ciclistas que integran actualmente no club xa que este “está totalmente preparado para correr nunha categoría superior”.

También te puede interesar