Comarcas Vigo al minuto

Con Xela por Vigo, proposta da Deputación para esta fin de semana

O teatro chegará a outros cinco concellos

A Deputación de Pontevedra oferta esta fin de semana un total de seis actividades para todos os públicos. O “Paseo imaxinario (ou non) pola obra de Xela Arias” será o prato forte da ocasión, cun roteiro moi especial en Vigo no que se conxugará literatura, patrimonio e música, aínda que adultos/as, mozos/as e nenos/as gozarán tamén dun amplo abano de actividades teatrais nos concellos de Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade, Cambados e Soutomaior, inseridas nos programas provinciais “Visitas teatralizadas de Samaín” e “Tornar as Táboas”.

En Vigo, Xela

Xela Arias continúa a formar parte da programación cultural da Deputación de Pontevedra cun paseo imaxinario (ou non) pola obra da autora no Parque do Castro de Vigo a través da súa “Poesía Reunida” (1982-2004). O roteiro, para o que xa se esgotaron as entradas, terá lugar o vindeiro domingo 7 e comezará ás 11.00 horas da man da escritora vilagarciá Susana S. Arins, quen comentará un percorrido que finalizará cunha actuación na que a cantante Clara Pino musicará, xunto a Pablo Vidal, tres poemas de Xela Arias para o desfrute do público: “Nacín Soa”, “Teremos terás” e “Non me conteño”.

Deste xeito, durante dúas horas darase a coñecer o universo máis persoal da poeta nunha actividade que percorrerá un dos lugares máis emblemáticos da cidade olívica.

Visitas teatralizadas de ‘Samaín’ no Castelo de Soutomaior

Pola súa banda, as “Visitas teatralizadas de Samaín” ao Castelo de Soutomaior confórmanse como unha atractiva opción turística e de lecer para seguir a festexar unha das grandes citas do calendario galego. Familias e nenos poderán gozar de xogos e probas nas que o “Alemanote”, a pantasma do Castelo, estará moi presente; e os adultos/as disporán dunha proposta en horario nocturno protagonizada por personaxes do máis alá.

As dirixidas ao público familiar, terán lugar o domingo 7, e contarán con dous pases, un ás 12.00 e outro ás 16.30. No caso das visitas para adultos/as, celebraranse este venres 5, ás 20.00.

Teatro, ‘Tornas as táboas’

Amais, a Deputación reafirma o seu interese de achegar as artes escénicas aos seus concellos co programa “Tornar as táboas”, que está a levar polos municipios da provincia e o Centro Príncipe Felipe un total de 35 espectáculos a
cargo de 35 compañías diferentes.

Esta fin de semana contará con tres novas funcións. O sábado 6, ás 18.00, Baobab Teatro ofrecerá o seu espectáculo “Mai Mai” en Sanxenxo e, ás 19.30; Que 2 interpretará “Cachos Descheques” en Cerdedo-Cotobade. Finalmente, o domingo 7 ás 19.00, será a quenda de Ibuprofeno Teatro con “O furancho” en Cambados.

También te puede interesar