Galicia Vigo al minuto

O Porto de Vigo pasa a ser ‘espazo cardioprotexido’

Contará con 14 desfibriladores e con formación para o seu uso

O Porto de Vigo pasa a ser 'espazo cardioprotexido'

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de presentación do Porto de Vigo como espazo cardioprotexido, que a inclusión de desfibriladores nos espazos laborais que concentran un gran número de traballadores e cunha actividade incesante, como é o caso do Porto de Vigo, “son fundamentais para asegurar unha intervención rápida e eficaz, xa que a maioría das mortes evitables causadas por factores cardiovasculares ocorren fóra dos centros hospitalarios”.

Dez desfibriladores fixos

No acto, no que tamén interviñeron o presidente da autoridade portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; e a presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro Rojo, o conselleiro remarcou que a instalación de forma estratéxica no porto vigués, ao longo de todo o recinto, de dez desfibriladores externos semiautomáticos, “contribuirá a aumentar a porcentaxe de supervivencia e a minimizar as posibles secuelas dunha parada cardíaca; xa que a súa localización garante acceder a eles nun tempo inferior a cinco minutos“.

E outros catro en vehículos

Ademais, a instalación de desfibriladores en catro vehículos preparados para desprazarse de xeito inmediato ata donde sexa necesario, incrementa, aínda máis, as garantías deste espazo, -subliñou García Comesaña-.

O conselleiro lembrou, así mesmo, que as enfermidades cardiovasculares constitúen a principal causa de defunción e que cada ano contabilízanse ao redor de 800 mortes súbitas en Galicia.

Galicia, espazo cardioprotexido

Tal e como sinalou García Comesaña, Galicia foi pioneira na regulación e implantación de desfibriladores externos semiautomáticos a disposición da cidadanía”. Dende o ano 2016 está en marcha o programa Acude e Axuda, que é unha iniciativa de asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria en lugares públicos por persoal acreditado no manexo deste tipo de aparellos. Na actualidade, -dixo o conselleiro-, este programa conta con máis de 500 voluntarios, todos eles preparados para asistir a unha  parada cardíaca en calquera punto de Galicia.

Xunto ao anterior, García Comesaña destacou que en Galicia hai máis de 2.000 desfibriladores activos e a aplicación móbil de Urxencias Sanitarias de Galicia permite o acceso, a través dun mapa, á súa situación.

Así mesmo, toda a rede de albergues públicos de Galicia conta, dende 2019, con desfibriladores semiautomáticos externos, e o seu persoal está formado no seu uso, así como en primeiros auxilios. Asemade, Galicia traballa no deseño de aeronaves non tripuladas capaces de achegar un desfibrilador, con fármacos de primeira intervención, a lugares de díficil acceso.

Aposta pola aprendizaxe

Tan importante como ter estes dispositivos hoxe presentados, -dixo o conselleiro-, é saber utilizalos. Por iso,“facemos unha aposta decidida pola aprendizaxe”. Así é que os traballadores do Porto de Vigo “reciben formación en manobras de soporte vital básico e no uso de desfibriladores”. Deste xeito, “incrementamos o número de persoas formadas en reanimación cardiopulmonar básica en Galicia”. Persoas que, no caso de que fose necesario, -dixo o conselleiro-, “non só poderán actuar neste recinto senón, tamén, fóra del, co beneficio que isto supón para o conxunto da cidadanía”.

Os beneficios da formación son evidentes xa que por cada minuto que pasa calcúlase que a supervivencia das persoas que sofren unha parada cardíaca redúcese nun 10%, de aí que a realización de manobras de soporte vital básico por unha testemuña, xunto coa actuación dos profesionais do 061, poidan duplicar as posibilidades de que vivan, -dixo o conselleiro-.

También te puede interesar