Galicia Vigo al minuto

A Deputación saca do caixón máis de 1.000 imaxes da dictadura franquista na provincia

Serven para “poñer cara a personaxes que formaron parte da cúpula do goberno represor”

A Deputación saca do caixón máis de 1.000 imaxes da dictadura franquista na provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de ‘sacar do caixón’ e poñer a disposición da cidadanía e as persoas investigadoras da memoria histórica preto de 1.000 imaxes do ‘Movemento’ franquista na provincia de Pontevedra tomadas nos anos 50.

Nesas fotografías, que están dispoñibles en liña dende hoxe no buscador Atopo logo da súa catalogación e dixitalización por parte do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico provincial, recóllense actos en case todos os concellos da provincia nos que se pon de relevo a simboloxía franquista, o adoutrinamento da poboación, e a simbiose entre as institucións e o partido único naquel entón, a Falange.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega destacou que o persoal provincial leva traballando meses arreo para dar “un novo paso para poñer luz na nosa memoria” e poñer en valor material gardado en caixas e sen identificar. “Isto tíñase que ter feito antes, porque en todas as reunións de traballo que celebrei coas asociacións de memoria trasladaron como prioridade o acceso aos arquivos”, apuntou, e salientou o fondo que se saca á luz ten especial relevancia pois son escasas as imaxes que existen na provincia de actos de marcada ideoloxía franquista.

Poñer cara aos xefes da cúpula da dictadura franquista

Segundo destacou, un dos beneficios de dar a coñecer estes fondos é que permite “poñer cara a personaxes que formaron parte da cúpula franquista do goberno represor e non só poñer cara ás vítimas”. Subliñou que este só é
un primeiro paso “que agardamos completar” coa catalogación e posta a disposición do público doutro material existente no Arquivo que puidera ter interese para as persoas que investigan esta etapa. Manifestou a esperanza
de chegar a acordos con outras entidades (concellos, Museo, Arquivo Histórico provincial…) para colaborar na posta a disposición doutros fondos das mesmas características.

Por último, a deputada indicou que desde o departamento de Memoria enviáronse hoxe mesmo un enlace ás asociacións para que saiban da existencia do fondo.

Valor do material para a ‘memoria’

A técnica provincial de Memoria Montse Fajardo subliñou, pola súa banda, que o achado e a publicación dos fondos é o feito máis importante do recentemente creado departamento de Memoria Histórica da Deputación: “Cando chegamos ao Arquivo e vimos esta marabilla dixemos ‘hai que facelo público xa’, e penso que aínda non temos claro o valor de todo este material para a memoria”, dixo, agradecendo a valentía da deputada por dar o paso de poñer cara ás persoas responsables do goberno da represión.

Salientou Fajardo que nas imaxes pode comprobarse como calquera pequeno acto se convertía nunha “loa ao réxime con toda a súa parafernalia e simboloxía franquista. Insistiu en que é difícil para as persoas investigadoras atopar fotos de autoridades e represores polo que estes fondos do Movemento “son fundamentais para ilustrar traballos”.

También te puede interesar