Destacados Vigo al minuto

Os visitantes da provincia terán a Cunqueiro como compañeiro de viaxe

Galaxie a Deputación impulsan “Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra”

Os visitantes da provincia terán a Cunqueiro como compañeiro de viaxe

As vilas, tradicións, gastronomía e paisaxes da provincia de Pontevedra, contadas coa mirada única de Álvaro Cunqueiro. É o lenzo que debuxa ‘Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra’, unha compilación de textos do escritor mindoniense publicada pola Editorial Galaxia co apoio da Deputación de Pontevedra, que fará promoción o territorio a través desta obra.

“Non hai unha guía turística tan fermosa como esta. Recoñecemos todos os lugares pero están descritos dunha forma máxica”, eloxiou esta mañá a presidenta da institución, Carmela Silva, na presentación do libro na sede de Vigo xunto ao director de Galaxia, Francisco Castro.

“Somos un destino potentísimo”

A máxima responsable provincial explicou que cando a editorial propuxo á Deputación participar no proxecto “non houbo ningunha dúbida”.Queremos que a xente que nos visite namore desta maxia porque aquí está a provincia enteira. É un instrumento fermosísimo para facer que a xente nos coñeza, anotou Carmela Silva.

A presidenta avanzou que levará exemplares de Polos vieiros do fabulador para regalar nas viaxes de promoción turística que a levarán esta semana a Madrid, Valencia e Zaragoza. Somos un destino potentísimo que garda os valores dun turismo sostible. Vivimos nun paraíso paisaxístico, gastronómico, de lendas e tradicións, de cultura, historia e patrimonio. E todo isto o escribiu Cunqueiro de forma maxistral nun libro cheo de recursos estilísticos”, anotou, para cualificar a obra como “unha xoia imprescindible en calquera biblioteca de persoas que amen ler, persoas que amen o lugar no que viven, e xente que sinta o pracer pola beleza”.

Percorrido pola provincia

Polos vieiros do fabulador recolle nas súas 200 páxinas unha escolma de artigos en galego e castelán nos que o escritor lucense aborda aspectos da identidade do territorio. “Fedellando no arquivo da Editorial Galaxia, entre as distintas publicacións de Cunqueiro decatámonos de que este escritor, que convertía calquera artigo nunha
fábula e facía dunha conferencia un exercicio literario de primeira orde, dedicoulle moitísimas páxinas á provincia de Pontevedra”
, sinalou Francisco Castro, para engadir: “Había que compilar todo nun libro e o resultado é este Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, que está organizado dunha maneira moi intuitiva”.

A obra inclúe textos dedicados a Pontevedra, Vigo, Arousa, Cambados e Tui, ademais dun segundo apartado de itinerarios turísticos pola comarca do Deza, Cuntis, toda a contorna da Ría de Vigo ou as Illas de Cíes. A terceira parte céntrase nas viaxes gastronómicas, mentres que a cuarta componse de textos de carácter oral, como conferencias e pregóns de festas.

“O libro inclúe textos espallados por mil lugares. É unha publicación moi interesante para as persoas que vivimos na provincia de Pontevedra e para os e as amantes da literatura de Álvaro Cunqueiro. Son incapaz de atopar un texto que non sexa xenial e unha festa de fabulación”, engadiu o director de Galaxia, quen agradeceu o apoio da Deputación e de Carmela Silva á literatura e a cultura galega. A obra xa está a venda nas librerías.

A presidenta provincial leu varios fragmentos do libro e felicitou á Editorial Galaxia polo seu traballo. “Sempre nos sorprende con publicacións marabillosas que nos fan sentir emocións e que nos din que pertencemos a un gran lugar no mundo”.

También te puede interesar