Destacados Vigo al minuto

O Servizo de Pneumoloxía público de Vigo, acada a excelencia en Epoc e Alfa-1 Antitripsina

Atende a 1.500 pacientes de Epoc e 100 máis na unidade especializada Alfa-1

As Unidades de Epoc e de  Alfa-1 Antitripsina do Servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Vigo acaban de ser acreditadas coa máxima certificación de calidade que concede a SEPAR (Sociedad Española de Neumología  y Cirugía Torácica).

Atención coas máximas garantías

Esta acreditación está considerada como o maior recoñecemento para a atención destas patoloxías en España, e sitúa ás Unidades do Chuvi como referentes a nivel rexional e internacional, valorando a calidade asistencial, docente e investigadora desenvolta polos seus profesionais.

Segundo afirma o xefe de servizo de Pneumoloxía, o doutor Alberto Fernández Villar “estamos moi satisfeitos xa que apesar da pandemia conseguimos que ambas Unidades mantiveran a súa actividade e os seus proxectos de investigación e innovación, que con toda a traxectoria previa é o que valida SEPAR con este certificado de excelencia”.

Para as responsables de ambas Unidades, as pneumólogas Cristina Represas (Epoc) e María Torres (Alfa-1), a obtención destas acreditacións “recoñece que prestamos unha atención coas maiores garantías e co máximo nivel de dispoñibilidade e accesibilidade. Supón unha validación do noso labor e do traballo en equipo e colaborativo realizado con outros servizos hospitalarios, e sobre todo coa Atención Primaria”.

1500 pacientes anuais na Unidade de EPOC

A Epoc é unha patoloxía producida polo consumo de tabaco e, en menor medida, pola exposición a outros fumes, como os procedentes das cociñas de leña. É unha das enfermidades respiratorias crónicas máis frecuentes, e afecta aproximadamente ao 12% da poboación maior de 40 anos.

A Unidade do Álvaro Cunqueiro atende a 1.500 pacientes anuais. Este dispositivo asistencial está composto por un equipo de 2 pneumólogos, 1 enfermeira xestora de casos, 1 TCAE e unha 1 administrativa. Ademais, conta coa colaboración da Unidade de Rehabilitación Respiratoria, dispoñendo semanalmente dunha consulta de fisioterapeuta para a valoración do paciente e educación en técnicas e exercicios de ximnasia respiratoria. Anualmente tratan con este programa rehabilitador específico a 80 pacientes.

A enfermeira xestora de casos é clave no funcionamento desta Unidade. Leva a cabo tarefas de educación terapéutica, repaso de uso de inhaladores, apoio sociosanitario  e diferentes charlas informativas sobre a enfermidade e autocoidados. Ademais, os pacientes en seguimento dispoñen dun número de teléfono directo para calquera incidencia que puideran presentar, e no que se atenden unha media de 10  pacientes diarios.

A Unidade mantén unha estreita colaboración con HADO (Unidade de Hospitalización a Domicilio) para a derivación de pacientes que requiran este tipo de atención domiciliaria,  así como  coa Atención Primaria, en contacto estreito cos médicos e enfermaría dos centros de saúde responsables de cada paciente, para coordinar coidados, establecer plans conxuntos de actuación  e levar asi unha atención máis integral.

Un cento de pacientes na Unidade especializada  Alfa-1

O Déficit de Alfa-1 Antitripsina é unha enfermidade xenética pouco frecuente, rara e incurable, que pode causar patoloxías pulmonares e hepáticas a quen a padece, nenos e adultos. Trátase dunha desorde hereditaria, con gran afectación na calidade e esperanza de vida.

O hospital Álvaro Cunqueiro dispón dunha Unidade –único dispositivo asistencial específico existente en Galicia– na que colaboran 3 pneumólogos, 1 enfermeira e 1 secretaria. Conta coa colaboración dos servizos de Dixestivo, Pediatría, e o  Laboratorio de xenética. Ademais, hai que subliñar o traballo conxunto coa Atención Primaria, xa que con este nivel asistencial teñen implementado unha vía directa de derivación dos pacientes, desde os médicos de familia dos centros de saúde a esta consulta especializada. 

No Cunqueiro aténdense anualmente unhas 400 consultas, incluíndo aos pacientes e aos seus familiares (dado que a familia tense que facer estudos xenéticos para confirmar ou descartar a enfermidade).

No momento actual hai 100 pacientes, con déficit moderado e grave, diagnosticados e en seguimento na consulta. De feito, este hospital  é o centro europeo que máis pacientes con esta patoloxía ten incluído no rexistro europeo desta enfermidade (EARCO).

A enfermidade pulmonar afecta fundamentalmente a adultos novos que, en combinación co efecto do tabaco e outras exposicións ambientais ou laborais, como a contaminación do aire ou o traballo con produtos tóxicos, desenvolven enfisema pulmonar. Tamén  é  frecuente a patoloxía hepática, sobre todo nos recen nados e nos nenos.

Por último, cabe subliñar que esta patoloxía está incluída dentro das Enfermidades Raras, e que esta forma de organización asistencial colaborativa encaixa no marco da  Estratexia de Atención ás Enfermidades Raras que o  SERGAS ven  de presentar.

También te puede interesar