Ciencia y Tecnología Destacados

O doutor Manuel Carballo, especialista do Cunqueiro, novo membro do Consello Europeo de Uroloxía

É un dos poucos médicos españois integrantes deste organismo

O doutor Carballo, especialista do Cunqueiro, novo membro do Consello Europeo de Uroloxía

O urólogo da Área Sanitaria de Vigo, Manuel Carballo, foi elixido para formar parte do Comité examinador do Consello Europeo de Uroloxía  (European Board of Urology). Trátase do máximo organismo de Europa para a obtención do diploma de acreditación de formación.

O doutor Carballo ingresa, desta maneira, na curta lista de facultativos españois desta especialidade que forman parte do Comité. Concretamente está asignado ao Comité que expón as cuestións e examina da parte oral das probas para obtención do mencionado diploma.

“É unha honra ser seleccionado como membro deste organismo. Sen dúbida, é unha gran responsabilidade participar nesas tarefas do Comité  que busca acreditar unha  sólida base de coñecementos dos urólogos para, como fin último, obter unha asistencia sanitaria da máis alta calidade para os nosos pacientes”, manifestou o doutor Carballo a pouco de coñecer o seu nomeamento.

Con influenza en 30 países

O Consello Europeo de Uroloxía (EBU), desenvolve anualmente unha proba de coñecementos da especialidade para aqueles candidatos que desexen realizalo durante o último ano de formación da especialidade ou tras finalizar a mesma nos seus respectivos países (en total 30 países).

A proba componse dun exame escrito e outro oral , convocado en diferentes cidades Europeas. Unha vez superada a proba obtense o diploma FEBU (Fellow of the European  Board of Urology) que constitúe unha “marca de calidade” e signo de excelencia no  currículum dos profesionais, e que acredita que os coñecementos da especialidade de uroloxía do posuidor do título reúnen os estándares de calidade no marco internacional definido polo EBU.

“O exame é unha parte integral da acreditación de formación en países como Holanda, Suíza ou Austria e trátase dunha distinción recoñecida en toda Europa. É unha ferramenta máis que garante a homoxeneidade dos coñecementos e habilidades clínicas nun marco Europeo”, explica.

Manuel Carballo, como outros  urólogos en Europa, superou os exames para obter o titulo FEBU durante o seu último ano de formación da especialidade. “Dado que desenvolvín a miña actividade laboral no Reino Unido inmediatamente despois de finalizar a miña formación como  urólogo, dispor do título foi especialmente útil neste país que conta co seu propio exame nacional de acreditación (Fellow of the Royal College of Surgeons)” subliña o  doutor Carballo.

Unha especialidade totalmente vencellada ás novas tecnoloxías

A formación na especialidade de Uroloxía é especialmente importante, pola súa extensa área de traballo nos campos médico e cirúrxico, ao que únese un vertixinoso desenvolvemento de novas abordaxes diagnósticas e terapéuticas para as patoloxías  urolóxicas a través das novas tecnoloxías.

“É por iso que os urólogos estamos nun proceso de continua formación. A acreditación dos coñecementos da especialidade nun marco internacional a través dun exame europeo é unha ferramenta utilizada por especialistas que queren incluír esta distinción no seu currículum ou ben desenvolver a súa actividade laboral noutros países”, engade Manuel Carballo.

También te puede interesar