Cultura

Ledicia Costas, no Club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas

O vindeiro día 20

Ledicia Costas, no Club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas

Ledicia Costas visitará o vindeiro 20 de outubro o Club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas. A escritora reflexionará coas persoas asistentes sobre unha das súas obras máis importantes, ‘Infamia’.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca a visita “dunha marabillosa autora da literatura galega infantil e adulta”, e afirma que os membros do club teñen “unha gran oportunidade para debater sobre a escritura cunha muller da que poden aprender moito”.

Animación á lectura

As actividades do Club de Lectura enmárcanse dentro do programa de
animación á lectura para adultos que realiza a Concellaría de Cultura.

Durante estas xuntanzas as e os membros debaten sobre a obra escollida, sobre o seu estilo literario, a propia acción, os personaxes, a temática… ou incluso sobre experiencias persoais evocadas por cada un dos e das participantes durante a lectura.

“Non se trata dunha reunión de especialistas en literatura, senón de
persoas ás que lle gusta ler e que atoparán no Club o pracer da lectura
compartíndoa con outros veciños e veciñas”
, explica Fernando Groba.

Ledicia Costas unírase á longa lista de creadores como Francisco Castro, Alfonso Pexegueiro, Xavier Quiroga, Santiago Lopo, Juan José Lago Pereira, Juan Xosé Pérez Labaca… que ademais de analizar unha das súas obras, compartiron co Club de Lectura a súa experiencia sobre o mundo do libro e a literatura.

Unha das grandes autoras da literatura galega

A escritora viguesa é unha das máis recoñecidas do panorama actual da
literatura galega. Acumula 20 recoñecementos literarios, entre eles, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, pola súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”; dous Premios Lazarillo, é a única escritora galega que acadou este recoñecemento dúas veces.

O concelleiro destaca ademais que é a autora máis traducida a outras
linguas e unha firme candidata a conseguir o primeiro Nóbel de literatura para a nosa lingua.

Inscrición

As persoas interesadas en participar no Club de Lectura deben poñerse en
contacto coa Biblioteca Municipal de Ponteareas chamando ao 986 660 765 ou enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected].

También te puede interesar