Cultura Destacados

Chega ‘Porto Maresía’, un novo ciclo de concertos en Vigo e A Coruña

Andrés Suárez tocará na cidade o día 27 de novembro e Guadi Galego,o 28

Chega 'Porto Maresía', un novo ciclo de concertos en Vigo e A Coruña

Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman o cartel de do novo ciclo musical ‘Porto Maresía: concertos con sabor a sal’.

Do 25 ao 28 de novembro

A iniciativa, impulsada por Art Music co apoio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22, celebrarase do 25 ao 28 de novembro en A Coruña e Vigo e “nace coa vocación de achegar ao público o son de grandes figuras da escena galega, con seguidores entre diversas xeracións, nunha serie de directos vibrantes e auténticos que se poderán gozar en dous escenarios de referencia: o Auditorio Palexco, situado nos peiraos coruñeses, e o Teatro Afundación de Vigo, un imponente espazo neobarroco próximo ao porto pesqueiro máis importante de Europa”.

Á venda dende o venres, día 8

As entradas para os catro concertos que conforman o ciclo Porto Maresía sairán á venda este venres, 8 de outubro, ás 10.00h, a través da plataforma online Ataquilla.com.

Andrés Suárez

Estará en Vigo, o sábado 27 de novembro, ás 21.00h Teatro Afundación.

A historia de Andrés Suárez é o máximo exemplo de ata onde pode levar a combinación de constancia e talento. A súa discografía é un compendio da súa evolución persoal: De ida (2002), Maneras de romper una ola (2008), Piedras y charcos (EP, 2010), Cuando vuelva la marea (2012), Moraima (2013), Mi pequeña historia (2015) e Desde una ventana (2017), que entrou directo ao como nº1 de vendas na súa primeira semana de lanzamento.

En xuño de 2020 estreou o seu octavo disco, titulado Andrés Suárez, que acadou o nº1 na lista de vendas físicas. Un traballo de dez cancións, ateigado de luz, no que o artista se mostra como non fixera ata o de agora.

Desde entón, percorre a xeografía española co seu imponente directo, esgotando as entradas de todas as datas que anuncia.

Guadi Galego

Estará na cidade o domingo 28 de novembro, ás 19.30h no Teatro Afundación.

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou sendo moi nova.

No 1997 entra en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira; e no 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón, álbum aclamado pola crítica galega e española, sen deixar de participar noutros proxectos.

Co seu último traballo, Costuras (2020), demostra, unha vez máis, que é unha artista que non deixa de experimentar, manténdose sempre fiel a súa esencia.

A madurez das súas letras e o atrevemento das súas melodías e propostas converten a Guadi Galego nunha xoia da nosa música, sen a cal non se entende a nosa actualidade artística.

Con dez temas que falan desde a súa infancia até o presente máis duro e esperanzador, Costuras dá boa conta dos acenos de identidade da artista: capacidade para a composición, a versatilidade e a sensibilidade á hora de interpretar.

Heredeiros da Crus, xoves 25 de novembro, 21.00 horas no Auditorio Palexco de A Coruña

Nados no 1992 en Ribeira (A Coruña), Heredeiros da Crus marcou un antes e un despois na historia do rock galego. As súas influencias beben de bandas como Siniestro Total, The Stooges ou Kiss, pero eles dotan ás súas composicións dun alto nivel de costumismo e realidade social made in Galicia.

Ortiga, venres 26 de novembro ás 21.00h no Auditorio Palexco de A Coruña

“Chicho é un millennial do seu tempo e da súa terra, coa súa honestidade e os seus pés no chan. O seu proxecto musical non é fácil de explicar se non viviches as verbenas galegas.

Ortiga soa ao Caribe que trouxeron os nosos migrantes, pero tamén a isto que agora chamamos música urbana. O seu primeiro disco foi Chicho y sus chichas (Ernie Records, 2019) e puxo a este artista no circuíto de festivais, cos seus secuenciadores, os seus pedais, a súa guitarra heavy e o seu bolso de cintura.

Este segundo cancioneiro, Sabes el camino que elegí (Ernie Records, 2021), co que se subirá ao escenario do ciclo Porto Maresía, presenta algúns cambios formais con respecto ao anterior: hai menos autotune e unha paleta musical máis ampla. No cóctel apréciase un novo refluxo de tropicalismo brasileiro”. Extracto do texto de presentación do artista asinado por Tito Lesende

También te puede interesar