Comarcas

Tui logra a declaración de Área Rexurbe para rehabilitar o casco histórico

É o cuarto concello de Galicia que o consegur, logo de A Coruña, Mondoñedo e Ribadavia

Tui logra a declaración de Área Rexurbe para rehabilitar o casco histórico

135.000 metros cadrados do Conxunto Histórico de Tui, e tamén do Paseo da Corredoira e das rúas Bispo Lago e Martínez Padín, forman parte da nova Área Rexurbe que a consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda levou hoxe ao Consello da Xunta para a súa declaración.

É unha figura prevista na Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, para impulsar a revitalización integral das zonas ou ámbitos con edificacións máis degradadas ou en declive socioeconómico.

A cuarta de Galicia

Até o de agora en toda Galicia só Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia formaban parte dunha Área Rexurbe. Segundo o informe realizado polo Concello de Tui para xustificar a súa aprobación, hai identificados máis de 360 edificios nas zonas de actuación, dos cales 67 presentan un estado ruinoso. Ademais, nesta área residen ao redor de 1.900 persoas, unha poboación bastante envellecida, xa que case a cuarta parte supera os 65 anos.

A decisión da Xunta de declarar a Área Rexurbe na cidade de Tui, ademais de promover a rehabilitación de edificios, tamén busca que se leven a cabo iniciativas de dinamización social, demográfica e económica.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cualificou esta declaración como unha magnífica noticia e asegurou que é unha cuestión na que levamos traballando dende case o inicio da lexislatura xa que consideramos fundamental que Tui, co centro histórico que posúe, estivera dentro dunha Área Rexurbe”.

De igual xeito, o alcalde tamén referíase ao importante esforzo que terá que asumir o Concello de Tui tras a declaración da Área Rexurbe, xa que van ser necesarios un maior número de medios persoais, técnicos e máis recursos financeiros para levar a cabo este ambicioso proxecto que cualificou como “o principio do rexurdir do noso patrimonio histórico”.

Tras a súa declaración, e unha vez publicada no DOG, o seguinte paso para o Concello de Tui será empezar a traballar no plan de dinamización da súa Área Rexurbe, planificando as actuacións que se van desenvolver nos vindeiros anos.

También te puede interesar