Vigo al minuto

A Xunta reformará a PO-330 en Valadares e Pereiró para acabar coa concentración de accidentes

A actuación suporá un investimento de 1,85 millóns e as obras empezarán a principio de 2022

A Xunta reformará a PO-330 en Valadares e Pereiró para acabar coa concentración de accidentes

A Xunta aprobou hoxe ao decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada PO-330 en Valadares e Pereiró.

1.850.000 euros

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación é de preto de 1.850.000€, nos cales se inclúe o pagamento dos 36 fincas necesarias para a súa execución.

7 quilómetros

Esta intervención ten como obxectivo desenvolver un conxunto de actuacións integrais, ao longo de case 7 quilómetros da vía autonómica na procura do reforzo da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade en Pereiró e Valadares, co obxectivo de eliminar un treito de concentración de accidentes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas no cuarto trimestre do ano, coa previsión de licitar e executar as obras no ano 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de dez meses.

Urbanización do treito de Pereiró

Dúas rotondas e un novo carril central

O proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta de Galicia mellorará a seguridade viaria e a accesibilidade, reordenando interseccións como a que dá acceso ao colexio Andersen, na cal se definirá un novo carril central de espera, ademais de reforzar a sinalización dos pasos de peóns.

Habilitaranse dúas novas rotondas en Valadares. A primeira delas, de 28 metros de diámetro, servirá para mellorar o acceso ao pavillón e á piscina municipal, habilitando desde a rotonda unha nova vía de acceso rodado á escola infantil Monte do Alba, unha actuación que atende a solicitude dos veciños.

A segunda rotonda, do mesmo diámetro, localizarase no Alto da Garrida, para mellorar a seguridade nun cruzamento de elevado tráfico de vehículos pesados, ao dar servizo aos dous polígonos industriais de Valadares e da Pasaxe, ademais dunha canteira e ao miradoiro do Monte de Alba. Trátase dunha intersección próxima á autoestrada autonómica AG-57.

Xunto con isto, urbanizaranse tamén os primeiros 450 metros da estrada, na contorna de Pereiró, entre a rotonda que está fronte ao cemiterio e que serve de enlace coa vía da Universidade.

Prazas de aparcadoiro

Coidarase especialmente a disposición de prazas de aparcadoiro nesa zona, habilitando 36 prazas, 10 máis das actuais. Aí reordenarase tamén a intersección coa rúa Canteiros, mediante illotes físicos e sinalización horizontal; e nos accesos aos garaxes disporase firme de lastros.

Colexio Barreiro, CEIP Igrexa Valadares

O proxecto inclúe a mellora doutras interseccións nas Carneiras, Carregal e O Portal, ben con sinalización horizontal ben con novos elementos físicos coma illotes.

Na contorna do Colexio Barreiro reforzarase a seguridade achegando o paso de peóns á entrada do centro e adoptando as medidas necesarias para calmar o tráfico.

Ademais, mellorarase o acceso ao CEIP Igrexa Valadares, acondicionando o camiño natural, actuando sobre os raios de xiro de entrada e saída que empregan os autobuses escolares para incorporarse á estrada PO-330, o que tamén dá resposta a unha demanda dos veciños.

Finalmente, repararanse as beirarrúas nos treitos en que sexa preciso e acometeranse melloras de sinalización e iluminación nos pasos de peóns.

También te puede interesar