RGPD - Cookies
Galicia

Novas axudas ao alugueiro para persoas afectadas pola Covid

Dende este martes ata o 30 de setembro

As axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da Covid sobre os alugueiros de vivenda habitual poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro 30 de setembro.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases e se convocan para 2021 estas subvencións.

Hai que lembrar que o mesmo fora posto en marcha o pasado exercicio, precisamente, en resposta ás dificultades transitorias de moitas familias para asumir o pago dos seus arrendamentos.

Máis de 1.000 axudas en 2020

Dende a Xunta sinalan que, «tendo en conta a persistencia das situacións de vulnerabilidade derivadas da pandemia, este ano daráselle continuidade» á liña de axudas ao alugueiro pola covid, dotada dun orzamento inicial de 2 millóns de euros. O ano pasado, o Instituto Galego da Vivenda e Solo concedeu máis dun milleiro de axudas deste tipo.

Condicións para solicitar

Para poder beneficiarse da convocatoria de 2021, os solicitantes deberán ser titulares dun contrato de alugueiro sobre a súa vivenda habitual e permanente, cunha duración mínima dun ano e acreditar que se atopan en situación de vulnerabilidade económica.

A estes efectos, considerarase que cumpren os requisitos as persoas que estean en desemprego, ERTE ou redución de xornada laboral como consecuencia da Covid.

Tamén poderán optar a estas axudas aquelas unidades familiares cuxos ingresos non superen, con carácter xeral, o límite de tres veces o IPREM; que teñan unha renda de alugueiro e uns gastos por subministros
básicos superiores ou iguais ao 35% dos ingresos
netos do conxunto dos seus membros.

Contía, duración e requisitos

As persoas que resulten beneficiarias recibirán unha axuda de ata 500 euros mensuais, polo prazo que acrediten estar en situación de vulnerabilidade por mor da covid e durante un período máximo de seis meses consecutivos.

Estas subvencións serán compatibles con calquera outra axuda ao alugamento que viñera percibindo o arrendatario, sempre que o total a percibir non supere o 100% do importe da renda.

A única excepción son os programas autonómicos do Bono de alugueiro social e do Bono de alugueiro social destinado ás vítimas de violencia de xénero, xa que este ano os beneficiarios de ambas liñas teñen cuberta pola Xunta a totalidade dos seus arrendamentos.

Outras axudas ao alugueiro

Ademais desta liña, a Xunta tamén ofrece outros tres programas de
axudas directas en materia de alugueiro: o Bono de alugueiro social, para atender con carácter urxente a unidades de convivencia vulnerables e con
dificultades para manter os seus fogares; o Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero; axudas ao alugueiro para facilitar o acceso e mantemento da vivenda habitual entre persoas e colectivos específicos con escasos recursos económicos.

También te puede interesar