Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O Cunqueiro realiza unha media de 100 amputacións de membros inferiores ao ano

Vigo conta coa primeira unidade de Galicia para o tratamento do pé diabético

Unidad Pie Diabético Hospital Álvaro Cunqueiro

 A Área Sanitaria de Vigo ven de por en marcha, no Hospital Álvaro Cunqueiro, unha Unidade para o tratamento do pé diabético. Trátase da primeira Unidade deste tipo de Galicia e unha das poucas de España.

Este novo dispositivo asistencial, coordinado polo servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, está integrado por un equipo multidisciplinar composto por cirurxián vascular, endocrinólogo, internista, traumatólogo, rehabilitador e varios profesionais de enfermaría especializados en curas vasculares. Tamén foi necesaria a incorporación de un  podólogo a este equipo de coidados do pé diabético. 

Ademais, conta coa colaboración do servizo de Atención Primaria de Teis. Unha facultativa deste centro de saúde será o enlace entre o hospital e a atención primaria para coordinar circuítos e protocolos de actuación conxunta entre ambos niveis asistencias.

Segundo afirma o xefe de servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, José Manuel Encisa de Sá, “o Hospital Álvaro Cunqueiro ten nado cunha actitude moi innovadora, con grandes avances tecnolóxicos e coa creación de equipos multidisciplinares para tratar patoloxías complexas que involucran a moitos especialistas. Este proxecto integra a un equipo multidisciplinar para realizar unha atención rápida e eficiente dos pacientes con afectación neuroisquémica do pé diabético mediante un contacto fluído coa Atención Primaria”.

600 pacientes anuais

O pé diabético é unha complicación derivada dá diabetes mellitus. Pode presentarse con  ulceración, infección e/ou gangrena do pé asociada á neuropatía diabética e diferentes graos de enfermidade vascular periférica.

A afectación das extremidades inferiores nos enfermos con diabetes mellitus representa un problema de gran importancia para o paciente, debido a que limita a súa calidade de vida, ao tempo que incrementa enormemente o gasto sanitario.

Segundo explica o coordinador desta Unidade, o cirurxián vascular Ignacio Hernández-Lahoz, “as alteracións morfolóxicas do pé poden producir grandes deformidades e amputacións menores que dificultan a marcha e empeoran a súa calidade de vida e actividade profesional. A perda da extremidade (amputación maior) é o estadio máis avanzado e a complicación máis importante e dolorosa para o paciente. 0s últimos datos reflicten que o 25% dos pacientes diabéticos teñen algún tipo de úlcera nos membros inferiores ao longo da vida, e o 15% das úlceras finalizan en amputación maior da extremidade inferior”.

A nova Unidade prevé atender a 600 pacientes anuais con estas complicacións.

Amputacións e incapacidade laboral

No Hospital Álvaro Cunqueiro realízanse unha media anual de 100 amputacións das extremidades inferiores como consecuencia do pé diabético: 60 menores (dos dedos do pé e do mesmo pé); e 40 amputacións maiores (de toda extremidade).

“O proceso das amputacións é moi custoso e longo, e a miúdo acompáñase de procedementos previos de revascularización, e de estancias hospitalarias prolongadas de máis de 20 días. Ademais, un 35% dos pacientes menores de 65 anos ingresados por pé diabético terminan cunha incapacidade laboral permanente. Isto é, trátase dunha complicación con gran afectación na calidade de vida das persoas, e cun alto custe sanitario, económico e social”, explica o doutor Hernández-Lahoz.

Precisamente, un dos obxectivos principais da nova Unidade e diminuír os ingresos e amputacións nos pacientes diabéticos, así como o número de pacientes cunha incapacidade laboral permanente. Para isto, os factores claves son a prevención, un tratamento precoz do pé,  e o control de factores de risco cardiovascular nos pacientes diabéticos.

Neste aspecto, o doutor Encisa de Sá reitera que a prevención desde Atención Primaria é un dos aspectos máis importante xa que “un correcto manexo da diabetes mellitus consegue que a enfermidade progrese de maneira moito máis lenta e que existan menos complicacións. Cos médicos de Atención Primaria levamos tempo traballando na mellora da atención a esta complicación, e actualmente teñen á súa disposición a consulta telemática, a e-interconsulta, para remitir ao servizo de cirurxía vascular de xeito preferente a aqueles pacientes con sospeita de mala evolución”.

Incremento da diabetes

diabetes mellitus é unha enfermidade cunha prevaleza do 7-10% da poboación. Esta incidencia incrementouse nos últimos anos fundamentalmente pola obesidade, o envellecemento da poboación e os malos hábitos dietéticos. Afecta a case seis millóns de persoas en España e aproximadamente a 250.000 habitantes de Galicia.

Os pacientes diabéticos poden presentar múltiples complicacións en distintos órganos diana, como a retinopatía, nefropatía, enfermidade coronaria, vascular cerebral e enfermidade arterial periférica.

También te puede interesar