Cultura Vigo al minuto

Fátima quere ser verde

“Unha das moitas leccións que aprendemos da crise da COVID é a importancia das zonas verdes para a nosa saúde tanto física como mental”

Laura Saez|Ecoloxistas en Acción Vigo

Ay, mi bella Peregrina/ haz un alto en el camino/ sin abandonar tu encina/ ven a posarte en El Pino”.

Así lle cantaba o fregués Manuel García á pomba branca o día en que os veciños recibiron a imaxe da Virxe de Fátima na barriada do Pino o 9 de agosto de 1948. Por desgraza, hoxe na rúa do Pino nin piñeiros nin aciñeiras hai e a pomba branca tería que ir se pousar nalgún guindastre das obras de Vialia. Triste, desde ese outeiro podería ver a evolución da nosa cidade desde aquel día de 1948 ata hoxe. 

E é que ao longo da segunda metade do século vinte fóronse conformando as cidades tal e como as coñecemos hoxe. Especialmente nas últimas décadas do século pasado estabeleceuse a idea de que “cidade” e “zona verde” debían ser dous conceptos completamente separados.

En Galicia, este proceso foi especialmente dramático. Todos os “ensanches”, “zonas nuevas” e barrios enteiros de edificios de máis de dez plantas son hoxe a nosa realidade en todas as grandes cidades galegas, e mesmo en moitas vilas máis pequenas, onde arrasamos con estruturas tradicionais e patrimoniais en aras dun teórico progreso económico e social. 

“O equipo redactor do plan xeral de urbanismo concluíu que na nosa cidade hai un déficit dun 65% de zonas verdes urbanas”

Vigo é un exemplo de libro deste proceso de destrución da memoria colectiva, ecolóxica e social. Só temos que facer unha viaxe virtual con Google Maps pola nosa cidade e arrastrar o rato por Coia, Vía Norte, Fátima, Teis… para dármonos conta de que cemento e verde raramente se tocan. De feito poderiamos pensar que unha persoa podería vivir toda unha vida en calquera destes barrios sen ver o paso das estacións reflectido nun bosque. 

Nas últimas décadas do século pasado estabeleceuse a idea de que “cidade” e “zona verde” debían ser dous conceptos completamente separados.

Porén, neste século semella haber un cambio de rumbo a escala global. O modelo tradicional de expansión do cemento e asfalto demostrou que estes só xeran desigualdade e pobreza de maneira directamente proporcional á dimensión das cidades. Por iso hoxe en día desde as organizacións supranacionais e desde a Unión Europea urxen a alcaldes/esas e planificadores/as urbanísticos a deseñar novos modelos de cidades para enfrontar os retos deste novo século.

Así, no ano 2018, a ONU a través da FAO presentou en Roma o libro Bosques e cidades sostibles, onde se recollían exemplos de 15 cidades do mundo que cambiaron radicalmente a calidade de vida dos seus habitantes a través da integración da natureza nas cidades. 

“O modelo tradicional de expansión do cemento e asfalto demostrou que estes só xeran desigualdade e pobreza”

Neste libro, as súas autoras afirman: Estamos comezando o cambio cara a un modelo de desenvolvemento urbano máis verde, sostible e resiliente que consiste no investimento en bosques, zonas húmidas e outras infraestruturas verdes para tratar problemas que antes se solucionaban con asfalto, cemento e aceiro (…) As infraestruturas verdes transforman as cidades en lugares para vivir máis sostibles, resilientes, sans, igualitarios e pracenteiros”.

Desde 2018, cando se publicou este estudo ata hoxe, tivemos a sorte ou desgraza de poder comprobar nas nosas vidas a relevancia vital destas palabras. Unha das moitas leccións que aprendemos da crise da COVID é a importancia das zonas verdes para a nosa saúde tanto física como mental. Así que as autoridades nos deixaban algo de liberdade, todas saímos á rúa buscando algo de verde. Os paseos polas zonas verdes de Vigo foron para moitas persoas nesta crise unha balsa salvadora de saúde e reconciliación. 

Desafortunadamente, isto foi máis sinxelo para uns que para outros. Quen tivera a fortuna de vivir perto de Castrelos, O Castro, A Guía, ou zonas periurbanas puido gozar destes espazos, e quen non, é dicir, a maioría dos vigueses/as, pasou a corentena mirando para unha rúa gris mentres os veciños de enfronte tendían a roupa.

As infraestruturas verdes transforman as cidades en lugares para vivir máis sostibles, resilientes, sans, igualitarios e pracenteiros”

Esta crise axudounos a reflectir sobre a necesidade de estarmos en contacto co mundo natural. Así, algunhas veciñas e veciños de Vigo non entendemos a destrución sistemática e talla continuada dos poucos espazos verdes con que contamos e outros, como os veciños do barrio de Fátima van máis alá e reclaman unha zona verde para sí, para mellorar a súa saúde física e mental e para teren un lugar de lecer e encontro que favoreza a cohesión social e a vida no barrio.

E non están equivocados estes veciños, pois o equipo redactor do plan xeral de urbanismo concluíu que na nosa cidade hai un déficit dun 65% de zonas verdes urbanas. Tendo en conta que para calcular isto se considera zona verde o ridículo espazo das macetas ou as xardineiras ornamentais, o déficit de zonas verdes urbanas na realidade é moitísimo máis alto. 

“Unha das moitas leccións que aprendemos da crise da COVID é a importancia das zonas verdes para a nosa saúde tanto física como mental”

Porén, en lugar de acceder a esta petición da veciñanza, o concello tivo a ben aprobar nesta zona a creación dun párking provisional nun espazo de 5.000 metros cadrados cun orzamento duns 70.000 euros.

Segundo declaracións do alcalde, é un parking que “Vén moi ben, porque é unha zona moi conxestionada”. Aos veciños non lles queda outra que aceptar a realidade do párking, máis pola natureza temporal desta instalación consideran que este é o momento para esixiren un compromiso por parte do Concello e do equipo redactor do novo plan para transformar esa zona nun espazo verde no futuro.  Así llo fixeron saber ao Concello e demais grupos políticos e a resposta polo momento está paralizada.

Sen dúbida este é un momento clave para a veciñanza do barrio de Fátima pois das súas reclamacións e mobilizacións actuais dependerá o futuro do barrio, un futuro que se debate entre o impacto na zona da construción de Vialia a especulación urbanística e o respecto pola calidade de vida dos veciños e veciñas. 

Polo momento, o posicionamento do Concello a prol do asfalto, os coches privados e os xardíns ornamentais en troques de zonas verdes ou bosques integrados na cidade está claro. Cada novo proxecto de humanización na cidade de Vigo mostra un modelo de cidade cada vez máis afastado das necesidades reais dos veciños e veciñas e das tendencias internacionais en urbanismo sostible. 

“O posicionamento do Concello a prol do asfalto, os coches privados e os xardíns ornamentais en troques de zonas verdes ou bosques integrados na cidade está claro”

A veciñanza, igual que a pomba branca da virxe, témolo claro, e queremos pinos e aciñeiras nos que pousar.

You may also like