Galicia Vigo al minuto

O Bloque apoia á directiva da FAVEC, pechada dende hai unha semana en Vigo

Xabier P. Igrexas asegura que “estamos perante unha inaceptábel represalia política”

Xabier P. Igrexas, hoxe cos directivos da FAVEC

O Bloque Nacionalista Galego reiterou o seu “total apoio” á Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao” (Favec) perante a “ameaza de seren desaloxadas da sede que ocupan desde hai varias décadas”, nun edificio municipal.

Dende o BNG o seu concelleiro, Xabier P. Igrexas reclama que cese “a violencia institucional contra quen ousa discrepar do alcalde” e demanda alargar a calidade da democracia a nivel municipal cun novo regulamento de participación cidadá que “evite tics autoritarios e tiránicos e obrigue a escoitar a cidadanía”.

Peche no local do Casco Vello

Igrexas estivo hoxe cos membros da Comisión Permanente da Favec, cando se vén de cumprir unha semana do peche que manteñen na sede ante a ameaza de desaloxo por parte do Goberno local. “Estamos perante unha inaceptábel represalia política contra a Favec. O mesmo alcalde que presume de ser a oficina antidesafiuzamentos da cidade pretende nada menos que desaloxar o movemento veciñal porque non lle din amen nin o adulan”, denunciou.

Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista criticou a crecente “deriva autoritaria” por parte do Goberno municipal. “Non se pode tentar afogar ou esmagar a quen discrepa e menos utilizando medios ou diñeiro público”, reprochou. Aliás, Igrexas mostrouse certo de que “ningunha viguesa ou vigués que votou, lexitimamente, a Abel Caballero o fixo para que utilizase a súa maioría absoluta de maneira tiránica ou para ‘extorsionar’ politicamente a quen non pensa coma el”.

Novo regulamento de participación cidadá

Igrexas lembrou que a primeira moción que promoveu o BNG no inicio deste mandato foi, precisamente, a de impulsar un novo regulamento de participación cidadá, como instrumento para alargar a calidade democrática e apostar decididamente por un maior protagonismo da veciñanza e dos movementos sociais. “Democracia non é só votar cada catro anos. Democracia é sobre todo diálogo e participación. É escoitar, sobre todo a quen pensa diferente. Como se fai no movemento vecinal todos os días”, defendeu.

“Abel Caballero cre que gaña reducindo a cidade ao seu monólogo, cun pleno ornamental, cos movementos sociais silenciados por medo e amplificando o seu discurso con propaganda financiada con diñeiro de todas e todos. Pero así perde a cidade e a democracia. Vigo é unha cidade plural e diversa”, remachou.

You may also like