Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O Cunqueiro intervirá na investigación da metástase de cancro cerebral

O seu servizo de Neurociruxía entra na Rede ‘Renacer’

O neurocirurxián Adolfo de la Lama e a neuropatóloga, Concepción Fiaño

O servizo de  Neurocirurxía do Hospital Álvaro Cunqueiro integrarase na Rede Nacional de Metástase Cerebral (Renacer) xunto a outros 11 hospitais españois. O hospital vigués é o único de Galicia que forma parte desta rede.

A participación do servizo de Neurocirurxía do CHUVI materializarase co envío de mostras cerebrais obtidas de pacientes intervidos cirúrxicamente. As mostras terán como destino o Grupo de Metástasis Cerebral do Biobanco do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO).

“Inicialmente, no CNIO traballaban coas súas propias mostras, pero comprobaron que necesitaban un maior número delas para continuar coa investigación, polo que impulsaron a creación dun grupo de hospitais españois que estivesen en condicións de achegar máis mostras”, explica o neurocirurxián do CHUVI, Adolfo de la Lama, que será o coordinador do proxecto en Vigo.

Estudos contra a metástase do cancro

O servizo de  Neurocirurxía, que dirixe o doutor Cesáreo Conde, podería achegar entre 8 e 10 mostras de metástase cerebral ao ano. No procesamento das mesmas participará tamén o servizo de Anatomía Patolóxica do CHUVI e concretamente a neuropatóloga, Concepción  Fiaño.

O obxectivo de “Renacer” é levar a cabo estudos básicos e clínicos que axuden a avanzar no desenvolvemento de terapias contra esta metástase do cancro que, a día de hoxe, ten limitadas opcións terapéuticas.

Participación dos pacientes

Previo consentimento dos pacientes, os cirurxiáns extraerán mostras de tecido durante as operacións cirúrxicas que, tras recibir o visto e prace como excedente clínico por parte dos patólogos, serán envíadas ao Biobanco CNIO, onde se procesarán e almacenarán para ser postas a disposisicón da Rede e de toda a comunidade investigadora.

Segundo explican os seus impulsores, “Renacer” guiarase polos máis altos estándares  bioéticos e de calidade para asegurar o bo uso das mostras. Ademais, garantirase que os pacientes teñan voz nesta Rede, nunha práctica nova de gobernanza participativa que empeza a implantarse en centros europeos. Este é o seguinte paso na modernización dos biobancos, afirman os impulsores do proxecto, que consideran que a opinión do  paciente debe estar representada.

You may also like