RGPD - Cookies
Vigo al día

«As humanizacións en Vigo son en cinco fases para poñer cada 200 metros unha placa co nome de Caballero»

O BNG denuncia que a humanización de Gregorio Espino levará 5 anos para 1 quilómetro: de 2018 a 2023

Humanizacion calle Venezuela

O Bloque Nacionalista Galego pronunciouse após o anuncio do Goberno municipal de iniciar a cuarta fase de humanización da avenida do Alcalde Gregorio Espino, criticando a «irracionalidade e ineficiencia» na xestión deste tipo de obras.

Gregorio Espino: humanización entre 2018 e 2023

O concelleiro do  BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que malia que esta avenida ten menos de 1 quilómetro de extensión vai precisar de até 5 fases diferentes para completar a súa humanización. «Tendo en conta que a primeira fase se iniciou en 2018 e que a quinta inda non ten data, moi dificilmente vai estar culminada a obra antes do 2023», acrecentou.

Para o portavoz municipal nacionalista esta dinámica só pode responder á incapacidade de xestión do Goberno e ao afán deliberado por instalar cada 200 metros unha placa de inauguración co nome de Abel Caballero.

«Cinco anos é o que tarda o Goberno municipal de Vigo con máis orzamento da historia da cidade e con plena capacidade de obrar pola súa maioría absoluta, en humanizar pouco máis de 900 metros», reprochou.

10 meses para 200 metros

Desde o Bloque tamén manifestan a súa preocupación polo feito de que a actuación prevista na cuarta fase, que só intervirá en apenas 200 metros da rúa, vai ter de prazo dez meses para a súa execución.

Ao se tratar dunha das principais arterias da zona, Igrexas, defende que se deben axilizar o máximo os prazos para reducir os efectos negativos tanto no tránsito de persoas como de vehículos. «Non se trata de dicir que se quere humanizar a cidade, trátase de demostralo na práctica e iso pasa por xestionalo con axilidade e eficiencia poñendo os intereses da veciñanza por diante en lugar de facer procurar o maior número de anuncios e fotografías«, demandou.

Aliás, a fronte nacionalista denuncia o «total abandono» que padecen as zonas da avenida que inda non foron humanizadas, o que xera «tramos de primeira e de segunda» nunha mesma vía, como sucede noutras moitas rúas da cidade.

Neste sentido, poñen como exemplo a situación da pequena praza onde estaba instalado un exemplar singular de carballo, a carón do número 63, e que despois de tronzar pola falla de mantemento a veciñanza inda agarda que sexa substituído por un novo exemplar.

También te puede interesar