Galicia Vigo al minuto

Abre o prazo de matrícula para os exames de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro

As probas realizaranse en abril e maio no Instituto Politécnico Marítimo- Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Exames para mariñeiro e patrón de pesca

Este luns abre o prazo de matrícula para os exames ordinarios de carácter libre para as titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

Prazo ata o 15 de marzo, inclusive

Os exames teóricos e prácticos realizaranse nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico (Vigo), Escola Oficial
Náutico-Pesqueira de Ferrol e Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o prazo de matriculación estenderase ata o 15 de marzo, inclusive.

A convocatoria e demais documentación precisa para concorrer a estas probas está publicada na web da Consellería do Mar. No caso da titulación de mariñeiro pescador, o exame teórico-práctico será o día 26 de abril nos tres centros formativos dependentes da Xunta.

O mesmo ocorre coas titulacións de patrón local de pesca (sección máquinas), con data da proba o vindeiro 27 de abril, e de patrón local de pesca (sección ponte e común), coa celebración do exame o 28 de abril.

Por último, as probas para a titulación de patrón costeiro polivalente (sección máquinas) serán o 29 e 30 de abril e de patrón costeiro polivalente (sección ponte) terán lugar o 3 e 4 de maio.

As persoas interesadas en participar nas probas terán que cumprimentar a solicitude que figura como anexo II da Orde do 31 de xullo de 2014 e cumprir as condicións de acceso establecidas para as distintas titulacións. O modelo de solicitude está dispoñible na Guía de Procedementos e Servizos en https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos .

Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal .

Tamén poderán tramitarse en soporte papel ou formalizarse directamente nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os aspirantes.

Unha vez finalizado o prazo de solicitude de inscrición, farase pública a listaxe provisional dos aspirantes admitidos e excluídos na páxina web da Consellería do Mar e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que os excluídos poidan emendar as deficiencias.

Te podría interesar