'Qué te cuentas?' Destacados

Aberto o prazo para mandar obras ao ‘Festival de Cans’

Ata o 16 de maio poden remitirse os traballos

Cans

O Festival de Cans abre este xoves 11 de febreiro a convocatoria de envío de obras a concurso para a súa XVIII edición que, como se anunciou hai uns días, volverá ter lugar nesta coñecida aldea de O Porriño do 1 ao 4 de setembro.

Ata o 16 de maio estará aberto o prazo para o envío de obras nas categorías de curtametraxes de ficción, animación ou non ficción, así como videoclips, tendo como condición que todas as obras serán de produción galega e realizadas entre os anos 2020 e 2021.

‘Novas Camadas’

Este ano, o festival abrirá desde o inicio a participación para a sección a concurso do Premio Deleite “Novas Camadas”, que o pasado ano se realizou mediante invitación, e se puxo en marcha só unhas semanas antes do festival.

Ante a gran acollida que tivo a sección, tanto por parte do público como das creadoras e creadores, este ano se destinará, exclusivamente, a promover directoras e directores menores de 25 anos.

O festival tamén recibirá longametraxes e calquera tipo de obra que poida programarse ou presentarse nas seccións paralelas do festival, dando prioridade en todas as categorías ás obras que aínda non fosen estreadas.

Todas as obras poderán ser inscritas gratuitamente a través da propia web do festival, www.festivaldecans.gal.

Máis dotación económica en premios

O Festival de Cans volverá aumentar a dotación económica dos seus premios nesta edición, que rondarán os 10.000 €. En concreto, repartiranse un total de 9.600 premios entre as catorce categorías a concurso, ademáis do característico Can de Pedra, o prezado trofeo realizado polo artesán Paco Candán, que reciben as gañadoras e ganadores de cada categoría.

As cantidades máis importantes estarán destinadas ó premio á mellor curta do xurado, con 2.000 euros, os premios á mellor curta de animación e mellor curta do público con 1.500 euros cada un, e o premio á mellor curta de non ficción, denominada “Furacáns”, que será de 1.200 euros, ademáis de 500 euros para a mellor curta da sección “Novas Camadas” e 500 euros para o mellor videoclip. Como na edición anterior, haberá un total de catro xurados específicos para otorgar estes galardóns.

You may also like