A Área Sanitaria de Vigo realizará estes días cribados, mediante a proba PCR, a 9.000 veciñas e veciños de Redondela e Salceda de Caselas. De feito, as persoas seleccionadas xa están acudindo hoxe a realizarse a proba PCR no Covid-Auto do Meixoeiro, e o farán durante toda a semana.
Segundo ‘cribado’ en Redondela
Se ben en Redondela xa se tiña realizado un cribado no mes decembro, a Consellería de Sanidade decidiu acometer outro novo ante a elevada incidencia da Covid-9 rexistrada. Así vanse citar a 3.000 persoas de Redondela e outras 3.000 de Chapela.
3.000 veciños de Salceda
En relación con Salceda, convocarase tamén a outras 3.000 persoas. Con esta actuación complétase o screening poboacional na comarca de Louriña, onde xa se realizou no Concello de Mos e estes días estase efectuando en Porriño.
O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten síntomas, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan coa súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.
Persoas de entre 20 e 70 anos
A Área Sanitaria de Vigo oferta participar nesta estratexia a unha porcentaxe da poboación no rango de idade entre 20 e 70 anos; que non teña realizada unha proba PCR no que vai de ano; e dispoña dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra”, que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.