Cultura

Os ecoloxistas alertan de que o patrimonio paisaxístico segue sen ser dos galegos

Advirten de que a norma da Xunta promove e favorece as plantacións forestais comerciais en todo o territorio galego

Bosque

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ven de publicar no DOG o Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as Directrices de paisaxe de Galicia.

Unha normativa á medida das “compañías expoliadoras de recursos naturais”

As organizacións ecoloxistas denuncian que as directrices “parecen estar pensadas para que as compañías expoliadoras de recursos naturais poidan implantar os seus proxectos especulativos en calquer lugar do territorio”. Sinalan que o goberno galego volve a deixar patente a súa falla de vontade política de blindar as zonas de alto valor paisaxístico.

Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción sinalan que son sobradamente coñecidos os fortes impactos que as plantacións forestais intensivas teñen sobre os recursos hídricos, os aspectos físicos e químicos dos solos e a vexetación nativa.

“As plantacións comerciais están moi lonxe de ser moderadoras ideais das paisaxes”, advirten. Sen embargo, o Decreto menciona constantemente as plantacións comerciais no tocante aos obxectivos de calidade paisaxística. “Semella que pretenden protexer máis a industria que as zonas de alto valor paisaxístico e natural”.

O impacto negativo de plantacións comerciais sobre a hidroloxía é realmente o máis preocupante, pero tamen o efecto sobre a fertilidade do chan e sobre a biodiversidade. “É obvio, recalcan, que non se poden xustificar as plantacións forestais comerciais como medidas ecolóxicas nin atribuirlle obxectivos de calidade paisaxística como fai o Decreto”.

Prima a explotación económica, “especialmente a da industria do eucalipto”

Un decreto lei para a protección da paisaxe galega debería primar a conservación da mesma, porén “o decreto exposto prima a explotación económica da paisaxe, especialmente a da industria do eucalipto, que é asemada un dos máis graves problemas aos que se enfronta a paisaxe e a natureza galegas”.

Tamén deberíase ter en conta cómo o patrimonio arqueolóxico e histórico forma parte indisoluble da paisaxe galega e como éste ten sido danado, cando non destruído polo aproveitamento industrial e intensivo do monte galego.

Unha normativa pensada para os intereses empresariais

Os ecoloxistas denuncian que se está creando unha normativa pensada única e exclusivamente para os intereses empresariais e non aos da sociedade ou o medio ambiente.  “A paisaxe galega debe ser un patrimonio común a valorizar e protexer en sí mesmo por parte da sociedade e do goberno galego”.

Trátase dun valor, insisten, que debe transmitirse como tal ao conxunto da poboación, non como un recurso económico a explotar e destruir, senon como un patrimonio que xera riqueza da súa conservación íntegra mesma.

Entrados nun proceso coñecido e demostrado de colapso dos ecosistemas a nivel mundial, e dadas as características propias da paisaxe galega e os efectos que o cambio climático pode ter nela, as organizacións ecoloxistas insisten en que, ademáis da conservación, Galicia debe entrar paulatina, pero inexorablemente, nun proceso ambicioso de restauración ambiental, e non nun bucle de destrucción constante do patrimonio natural común a todas as galegas.

También te puede interesar