Destacados Vigo al minuto

Marea de Vigo pide acelerar a vacinación anti-COVID no Servizo de Axuda no Fogar

Oriana Méndez lembra que o persoal deste servizo está indo aos domicilios e tratando directamente con diferentes persoas maiores a diario

Marea de Vigo cualifica como “incomprensible” que desde o mes de outubro non se faga un cribado de probas PCR ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

A concelleira Oriana Méndez subliña que é “persoal moi vulnerable, persoal que está indo aos domicilios e tratando directamente con diferentes persoas maiores a diario”.

Vacinas para o persoal municipal que trate directamente nos domicilios

O Grupo municipal considera ademais que as medidas con respecto á COVID e ao proceso de vacinación deben ser extensibles ao resto de persoal de Servizos Sociais Municipais que trate directamente nos domicilios, “como acontece en ocasións cos Traballadores Sociais, educadores ou por exemplo o persoal concesionado no servizo de Intervención Familiar.

Informar dende o Goberno local das medidas relativas á COVID

Do mesmo xeito, Oriana Méndez insiste no dito onte: “para valorar todas estas medidas relativas á COVID na cidade, cómpre convocar, por unha banda, a todos os grupos da Corporación co obxectivo de que estes sexan partícipes das medidas que se decidan tomar así trasladar as súas propostas, e, pola outra, ao Consello Municipal de Saúde, no que, ademais dos grupos políticos, participen expertos da saúde e asociacións que teñan implicación no eido da sanidade” .

O Consello Municipal de Saúde é un dos consellos de obrigada creación no Concello de Vigo, segundo o artigo 41 do Regulamento de Participación Cidadá, que establece os organismos mínimos de participación que teñen que ser existir na institución municipal. “Ignorar o Regulamento de Participación e non crear espazos onde a cidadanía e o asociacionismo teñan un papel que xogar só amosa o baleiro democrático que levamos denunciando dende a pasada lexislatura, unha actitude xa habitual por parte do Goberno de Abel Caballero” conclúe a concelleira.

También te puede interesar