Após coñecerse o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que confirma a sentenza que xulgaba ilegais os servizos mínimos impostos polo Concello de Vigo na folga de Bombeiros, o Bloque Nacionalista Galego esixiu esta mañá ao Goberno municipal que cumpra as sentenzas e que «procure unha solución definitiva ao conflito», atendendo as reivindicacións para o reforzamento do servizo.
«O Goberno local está instalado na ilegalidade»
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou o fallo do TSXG
como unha evidencia de que «o Goberno municipal está instalado na
absoluta ilegalidade». «Son numerosos e reiterados os abusos e as
vulneracións dos dereitos laborais e sindicais dos bombeiros, como
numerosas son xa tamén as sentenzas condenatorias», afirmou, aludindo
tamén á anulación xudicial do denominado decreto de permanencia que impuña a obrigatoriedade de realizar horas extra.
«Incapacidade» do Concello para dotar as Bombeiros dos efectivos necesarios
O portavoz municipal do Bloque istou ao cumprimento estrito das
sentenzas e afeou que «un goberno que se di progresista tentase
rebentar unha folga cun decreto de servizos mínimos abusivo». Neste
sentido, lembrou que a folga en curso e que está a piques de cumprir un
ano e medio, «non ten precedentes na historia da cidade» e ten como
«único causante o propio Goberno de Abel Caballero pola súa
incapacidade á hora de dotar o servizo de bombeiros dos efectivos
necesarios».
A este respeito, Igrexas subliñou que desde á Área de Seguridade, que dirixe a concelleira Elena Espinosa, non lograron evitar que «nun número importante de xornadas a cidade teña menos bombeiros en servizo do mínimo que o propio Concello fixou, deixando nunha evidente desprotección ás viguesas e vigueses e limitando a capacidade operativa para atender calquera emerxencia».
Desde o Bloque instan o Goberno local a «poñerse a traballar» para dotar o servizo de bombeiros do persoal necesario para atender as necesidades dunha cidade de 300 mil habitantes.
