Vigo al minuto

A catro días para que remate 2020 os vigueses non saben canto pagarán de auga en 2021

O BNG advirte dun aumento de 8 a 29€ no custe fixo do recibo

O Bloque Nacionalista Galego alerta de que a piques de concluír 2020 non se coñece cal será a tarificación dos servizos de abastecemento e saneamento de auga en Vigo para o 2021.

Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG na cidade, indica que a modificación da ordenanza fiscal número 60, que atinxe o recibo da auga, inda non foi aprobada definitivamente e que as alegacións recibidas non se ditaminaron.

O Goberno municipal non responde

O concelleiro do Bloque preguntou ao Goberno municipal sobre este tema na última Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, o pasado mércores, sen obter resposta. “O BNG preguntamos de maneira clara cando se ía aprobar a nova ordenanza fiscal da auga e a única resposta que deu o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, foi o silencio“, denunciou Igrexas. Na orde do día do derradeiro Pleno do ano, convocado para o vindeiro 30 de decembro, non se inclúe esta cuestión.  

Ten que haber ditame das alegacións antes de pasar polo Pleno do Concello

Igrexas lembra que legalmente hai que facer un ditame das numerosas alegacións recibidas por parte, antes de que o Pleno someta a modificación a aprobación definitiva. No entanto o expediente fica na dirección de Ingresos da concellaría de Facenda desde o pasado 3 de decembro, sen que se teña dado ningún paso na súa tramitación. “É inxustificábel que a estas alturas de ano, cando faltan poucos días para o cambio de exercicio, ninguén saiba cal vai ser a tarifa da auga na cidade a partir do 1 de xaneiro”.

“Chapuzada e estafa”

O portavoz municipal do BNG entende que este “desleixo” é o corolario dunha “verdadeira chapuzada” do Goberno municipal, e reitera a oposición do BNG a unha modificación, aprobada en solitario polo PSOE, que cualifican de “estafa”.

Aumento do 276% dos custes fixos do recibo: de 8 a 29 euros

“Tal e como xa denunciamos publicamente a nova tarifa da auga suporá aumentar nun 276% os custes fixos do recibo, pasando de menos de 8 a case 29, e non vai representar un aforro real, xa que mesmo no caso de consumos por debaixo dos 6 m3 a diferenza será de apenas 55 céntimos, menos dun café” .

Emporiso, desde o Bloque apostan por remunicipalizar o servizo e garantir a súa xestión cento por cento pública, “superando un modelo concesional que só beneficia a Aqualia”, e cunha tarifa que se aplique de maneira efectiva sobre o consumo real e que reduza o custo do recibo.

En outubro de 2019 o alcalde anunciaba a “liquidación” do contrato de concesión do abastecemento…

O 11 de outubro de 2019, o alcalde informaba de que o Concello acaba de iniciar os trámites para elaborar un novo expediente de concesión do servizo de saneamento e abastecemento de auga, que está en mans de Aqualia. Daquela, indicou que se aprobara a contratación dunha consultoría externa para apoiar os traballos de redacción do expediente, que farían os ténicos municipais.

Abel Caballero subliñaba, daquela, a aprobación dunha cantidade de 121.125€ para a contratación desa consultora encargada de facer a análise da “situación” do servizo e as “necesidades“, que debería recoller a nova concesión.

Nesa data o alcalde lembraba que o contrato con Aqualia remataba o 31 de diciembre de 2020-dentro de catro días e logo dunha prórroga en 2011- e que a intención do Goberno local era convocar un novo concurso. “Estamos na fase preparatoria para a liquidación do actual contrato”, declaraba.

…e hai dúas semanas non descartaba prorrogar a concesión a Aqualia

No ano transcorrido desde aquelas declaracións, o alcalde cambiou de opinión. Hai menos de dúas semanas, en rolda de prensa, e a preguntas dos xornalistas, non quixo aclarar qué pasaría coa concesión do servizo de saneamento e abastecemento e non desbotou alongar a concesión a Aqualia por cinco anos máis-algo semellante ao que sucedera coa concesión do transporte urbano a Vitrasa-.

También te puede interesar