A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o ERE de Alcoa. Ademáis, condenou á empresa a reincorporar aos empregados afectados ao seu posto de traballo e a pagarlles os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento.
O alto tribunal acolleu a demanda presentada polos sindicatos CCOO, CIG e UXT fronte ao despedimento que afectaría a 524 traballadores da planta de San Cibrao, en Lugo.
«Mala fe» por parte da empresa
A Sala aprecia «mala fe nas negociacións por parte da empresa», á vista de que a súa posición sobre os despedimentos e as súas compensacións «non variou nada» desde a súa proposta inicial.
Os maxistrados conclúen que a intención da compañía é «paralizar as cubas electrolíticas da fábrica para o seu posterior peche» e entenden que coa oferta de ERE que realizou ao comité de empresa pretendía «vestir o mesmo, pero dunha maneira diferente». Así, destacan que ese Expediente de Regulación Temporal de Emprego «non privaría á empresa da posibilidade de extinguir os contratos de traballo unha vez rematada a súa vixencia».
Asegurarse de non ter que devolver as axudas públicas recibidas
Os xuíces consideran «sumamente significativo» o número de traballadores afectados polos despedimentos. Neste sentido, destacan que a súa porcentaxe «se aproxima, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias, lle permite á empresa consolidar as axudas recibidas das administracións públicas sen ter que devolvelas e, á vez, sen impedirlle o peche das cubas». Ademais, insisten en que os traballadores que seguisen en plantilla poderían ser despedidos unha vez superados os prazos de garantía das axudas.
Pechar a fábrica da maneira máis rendible posible
Todo iso permite á Sala deducir, segundo explica na sentenza, que «o fin único e primordial que guiaba á empresa era apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible».
O TSXG asegura que «todas as supostas concesións» realizadas por Alcoa durante a negociación se produciron «coa finalidade de evitar a cualificación de nulidade do despedimento, única que lle impediría levar a cabo a decisión estratéxica de paralización das cubas e o peche da fábrica».
A Xunta lle advertiu ata en dez ocasións sobre a necesidade de prolongar o período de consultas, algo que a compañía realizou «sempre no último momento e con resistencias, argüindo empecinadamente o elevado custo de manter as cubas electrolíticas en funcionamento».
Alcoa prolongou a negociación do ERE para negociar a venda da planta a outra empresa
O ofrecemento do ERE produciuse, segundo os maxistrados, tras unha advertencia da Xunta, como autoridade laboral competente, e «nun momento moi avanzado da negociación». Ademais, conclúen que se prolongou «non coa finalidade de discutir sobre o despedimento colectivo, senón para deixar tempo para negociar a venda cun terceiro«.
«A pobreza das negociacións é tal que se limitou practicamente a dúas cuestións acerca das posibilidades reais da venda da planta de aluminio a un terceiro e os efectos da parada e rearranque das cubas de electrolisis», salienta a Sala.
Os xuíces afirman no fallo que os diálogos de Alcoa cunha empresa para vender a planta «permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica», pois sosteñen que a multinacional entrou na negociación «con posicións predeterminadas e un claro obstáculo para non chegar a un acordo final».