Destacados Vigo al minuto

Opinión: Os ‘sufrimidores’ da última milla

Xaquín Pastoriza e Cristóbal López | Ecoloxistas en Acción Vigo

Xaquín Pastoriza e Cristóbal López | Ecoloxistas en Acción Vigo

“Se cada individuo actúa de maneira racional e egoísta, o ben común que comparte o grupo extinguirase, a pesar de que ningún individuo do colectivo,  racionalmente, o desexe” Garrett  Hardin “A traxedia dos comúns”

A distribución e reparto das mercadurías converteuse nun grave problema planetario pola súa contribución ao quecemento global sendo responsable de case un terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro. Nas cidades, onde se realiza a última milla da distribución, ao problema climático, que provoca preto do 30% do total das emisións de gases contaminantes, engádese a axitación do tráfico que xenera o derradeiro eslabón do reparto das mercadorías.

O reparto urbano de mercadurías contribúe en máis dun 20% á conxestión do tráfico

O incremento das ventas online, agudizado pola crise da Covid e que posiblemente acaparen xa un cuarto da totalidade, ten unha gran incidencia nesta axitación que sufren a cotío as nosas rúas. O reparto urbano de mercadorías contribúe en máis dun 20% á conxestión do tráfico. Non en van a Dirección Xeral de Tráfico alertou dun aumento dun 65% nos accidentes das furgonetas de reparto.

Case un terzo dos repartos son fallidos e os repartidores volven cada día con máis do 30% da paquetería

O mercado online inclina a balanza do reparto de mercadorías nas cidades cara as entregas a domicilio que xa superan con creces ao tradicional circuito no que o comercio minorista media entre os centros loxísticos de distribución e o consumidor final. Esta situación ademais de multiplicar e atomizar o número de entregas, resulta altamente ineficaz, xa que o virtual topa de bruces coa realidade física na última milla.

Case un terzo dos repartos son fallidos, os repartidores volven cada día con máis do 30% da paquetería ao non atopar o enderezo ou estar ausente o destinatario. Circunstancias que non se dan nesa medida cando o receptor é o comercio local. As entregas fallidas hai que sumarlle as devolucións, máis do 30% das entregas son rexeitadas, unha porcentaxe que elévase o 50% nas compras de roupa e complementos. Sucédense os clicks enchendo o carrito virtual de compra sen que na transacción figure un disuasorio coste do transporte. O coste loxístico permanece enmascarado no prezo das mercadurias, pero non así as consecuencias para a vida.

Este tráfico axitado que sufrimos todas cando saimos á rúa agrávase tamén pola precarización do sector do transporte e da loxística, complexizada nunha longa cadena de subcontratas na que o falso autónomo é o campeón da última milla. Só apurando ao máximo as entregas o repartidor é capaz de lograr unha marxe entre os costes e os ingresos que lle permita eludir os números vermellos.

Os consumidores convértense en “sufrimidores”, sufridores das consecuencias do seu consumo, con cada ‘click’ destrúese o pequeno comercio local

Como se pode ver na última película de Ken Loach, “Sorry We missed you”, o estrés e a presión á que están sometidos estes “proletarios da estrada” pode acarrear graves repercusións na súa saúde física e mental, por non falar das dificultades para organizarse sindicalmente e dar resposta a esta explotación do capitalismo de plataforma que sufren. 

Máis tamén os consumidores convértense en “sufrimidores”, sufridores das consecuencias do seu consumo, con cada click a súa cidade perde calidade de vida. Con cada click destrúese o pequeno comercio local e as consecuencias van máis aló da perda do escaparate da pequena industria local, en definitiva, a desarticulación dun tecido económico integrado na sociedade.

O comercio minorista é un punto de encontro estable entre o consumidor e a industria, constituíndose así nun factor importante para eficiencia do circuito capilar de distribución. Mercar nas tendas de barrio e non converter a túa casa nun probador a golpe de click disminuirá en gran medida o tráfico de axitación. 

Eliminar o tráfico de axitación é o primer paso para pacificar a circulación de vehículos que expulsa ao viandante da centralidade da rúa. Esta axitación restrinxe as rúas a meros pasillos de tránsito polos que o peón só se sinte seguro camiñando como apósito da fachada. Unha liña de fachada que queda como unha fría e desanxelada fronteira entre o publico e o privado se o pequeno comercio non engalana as nosas rúas. 

Mercar nas tendas de barrio e non converter a túa casa nun probador a golpe de ‘click’ disminuirá o tráfico de axitación

Desfrutamos nesas rúas bulliciosas nas que as voces non son enmascaradas polo run run dos coches. Rúas nas que as fachadas son fonte de animación e trasiego de vida cara afora. Rúas nas que a vida baila en cada adoquín. Pero para iso necesitamos que a última milla sexa máis curta. E reducila cun exercicio de responsabilidade colectiva, de concienciación e autoorganización, máis que coa aplicación de impostos pigouvianos que non disuaden ás clases pudientes e por contra agravan a fenda social. A compra no comercio local, de proximidade, así como a súa organización en redes cooperativas, poden ser parte da solución

También te puede interesar