Galicia Vigo al minuto

A Deputación incrementa ata os 565.000€ as axudas de emerxencia en 2021

Están destinadas aos 52 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras das Axudas Básicas de Emerxencia do 2021 para os 52 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. As mesmas contarán cun orzamento de
565.000€, o que supón un incremento de 100.000€ con respecto a
este ano.

A institución provincial pon a disposición dos servizos sociais dos concellos recursos públicos para que poidan atender as demandas de urxente e puntual necesidade.

Dos citados 565.000€, un total de 365.000 son para axudas de gastos correntes e 200.000€ para investimentos. Así mesmo, establécese unha contía máxima para cada concello que vai desde os 7.800 aos 17.800€ en función da súa poboación e da porcentaxe de desemprego con respecto á mesma.

Gastos de alimentación, vivenda e necesidades básicas

Estas axudas permiten ás persoas en situación de vulnerabilidade poder
afrontar pagamentos de diferentes tipos, entre os que se inclúen gastos de
alimentación, vivenda ou necesidades básicas. Para o vindeiro ano, como
novidade, incluirase na tipoloxía destas achegas as destinadas á adquisición de roupa e calzado, así como á compra de produtos de protección contra a Covid, coma máscaras e xel hidroalcólico.

1.650 fogares

O pasado ano estas axudas da Deputación deron cobertura a 1.650 fogares na provincia, dos que 1.150 tiñan menores ao seu cargo e 896 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego. Ademais, 300 das
beneficiarias eran familias monoparentais, 392 eran usuarias do Servizo de
Educación e Apoio Familiar, e 73 usuarias do Servizo de Axuda no Fogar.

Así mesmo, 67 persoas eran vítimas de violencia de xénero, 333 tiñan diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido, e 278 eran persoas maiores.

Doutra banda, outras 159 eran persoas con alcoholismo e ou
drogodependencia; 13 eran persoas transeúntes ou sen fogar; 29 foron
persoas solicitantes de asilo ou refuxiados e 59 eran emigrantes retornados.

También te puede interesar