'Qué te cuentas?' Destacados

A contaminación do aire en Vigo caeu un 48% entre marzo e outubro

Logo do primeiro ‘Estado de Alarma’, Vigo presentou maior tendencia ao aumento da contaminación

Segundo un informe elaborado por Ecoloxistas en Acción, a contaminación do aire urbano en Galicia caeu un 47,5% entre marzo e outubro.

48% menos de NO2 (dióxido de nitrógeno) en Vigo

Entre as súas principais conclusións o estudo salienta que os niveis de contaminación atmosférica por NO2 en A Coruña e Vigo baixaron o 47,5% entre marzo e outubro de 2020, en comparación coa media dos meses equivalentes na década anterior (2010 a 2019).

A  baixada foi case a mesma: -47% na Coruña e –48% en Vigo. O descenso medio en todas as cidades españolas estudadas foi do 38%, situándose as cidades da Coruña e Vigo entre aquelas nas que se rexistraron maiores caídas.

Primeiro ‘Estado de Alarma’

Após a declaración do primeiro ‘Estado de Alarma’, o 14 de marzo, produciuse unha redución drástica dos niveis de contaminación atmosférica por NO2 nas dúas principais cidades galegas. O descenso entre o 14 de marzo e o  20 de xuño atinxiu o 52,5 % con respecto ao mesmo período da última década, sendo practicamente o mesmo na Coruña (-52%) e en Vigo (-53%). 

Os niveis de NO2 rexistrados durante o primeiro estado de alarma son os máis baixos para os meses de marzo, abril, maio e xuño da última década en todas as cidades españolas analizadas. Mantéñense ademais moi por debaixo do valor límite legal.

Repunta a contaminación

Co remate do primeiro estado de alarma comezou a repuntar a contaminación do aire urbano nas dúas maiores cidades galegas. Así, durante o verán a baixada foi nove puntos menor, sendo novamente moi similar na Coruña (-44%) e en Vigo (-43%).

Maior tendencia ao aumento da contaminación en Vigo

A redución total da contaminación en setembro e outubro é do 36,5% a respecto da década anterior, mais neste período si se observan diferenzas importantes nas dúas cidades galegas analizadas. Mentres que na Coruña a diminución foi do 42%, só dous puntos inferior á do verán, en Vigo baixou até o 31%, 12 puntos menos que no verán. Polo tanto, a tendencia ao aumento da contaminación está a ser maior en Vigo que na Coruña.

Dióxido de nitróxeno

O dióxido de nitróxeno (NO2) é o contaminante típico emitido polos tubos de escape dos automóbeis (ademais de polas caldeiras industriais e domésticas), polo que a súa evolución está directamente ligada ás emisións do tráfico motorizado. É esta a súa principal fonte nas cidades e o principal factor que inflúe na calidade do aire urbano.

Ao redor de 6.000 mortes prematuras cada ano

O NO2 é un gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e mingua a resistencia ás infeccións. Ademais estímase que cada ano causa arredor de 6.000 mortes prematuras no Estado español,  segundo o Instituto de Saúde Carlos III e a Axencia Europea de Medio Ambiente (datos do último ano dispoñíbel, 2018).

A crise da COVID-19 demostra que a diminución estrutural do tráfico motorizado e as mudanzas nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire nas cidades.

Potenciar a mobilidade peonil, ciclista e o transporte colectivo

 O final do período máis agudo da crise non debería conducir a unha volta aos excesivos niveis de tráfico automobilístico previos á crise da COVID-19.

Ecoloxistas en Acción alertan de que para non regresarmos axiña a padróns de mobilidade urbana «altamente insustentábeis e nocivos para a nosa saúde», cómpre potenciar de xeito moito máis decidido a mobilidade peonil e ciclista e o transporte colectivo, así como implantar zonas de baixas emisións extensas e ambiciosas que restrinxan a circulación do automóbil privado. Asemade, é aconsellábel favorecer boas prácticas que contribúen a reducir a mobilidade motorizada, como a compra de proximidade ou o teletraballo voluntario.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.