Deportes Vigo al minuto

A Deputación premia o talento d@s 226 mellores deportistas da provincia

37 dos/ das premiadas son de Vigo

Un total de 226 deportistas da provincia foron os e as protagonistas da Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra. O acto, celebrado no Mar de Vigo, rendeu homenaxe “á súa excelencia e ao seu talento”.

A Gala, que contou coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva e do alcalde de Vigo, foi conducida polo xornalista Terio Carrera e a deportista de esgrima adaptada Judith Rodríguez, e concitou a presenza de boa parte das e dos 226 deportistas integrados este ano na marca provincial de alto nivel da Deputación, DepoDan e DepoPromesa, así como das súas familias.

No evento proxectouse o vídeo da gala do ano pasado, “Deporte da provincia contigo”, e o audiovisual das e dos deportistas realizado para Fitur. Amais, a gala tamén contou coas actuacións de Marta (voz) e Martín (guitarra) do grupo vigués Tinta, gañador do concurso musical Vigo en Vivo.

O deporte é a revolución deste século

Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo un “emocionado recoñecemento ás mulleres e homes do deporte da provincia, que tantos éxitos nos están a dar e que simbolizan de forma tan clara que o deporte, como dicimos na Deputación, é a revolución do século XXI”.

A presidenta felicitou expresamente ás 226 persoas que ostentan a marca DepoDan e DepoPromesa, “43 máis que o ano pasado”, e especialmente ás súas familias “porque todas e todos os que temos un deportista de elite na casa sabemos dos desvelos, dos sacrificios e das renuncias que iso supón”.

91 mulleres na marca de excelencia da Deputación

Silva tamén tivo especial referencia ás 91 mulleres que figuran na marca de excelencia da Deputación. “Sodes xa o 39% do deporte de alto nivel da provincia e o 43% das novas promesas e estou convencida que o ano que ven aínda seremos máis”. Neste sentido, a presidenta anunciou que a Deputación de Pontevedra vai completar a total equiparación económica entre o deporte feminino e masculino, corrixindo a única disfunción que había cos clubs de elite femininos de balonmán que, agora, recibirán as mesmas contías que os masculinos.

37 deportistas de Vigo

Pola súa banda, o alcalde felicitou ás/os 226 deportistas homenaxeados DepoDan e DepoPromesa, con especial referencia aos 37 de Vigo, 11 delas mulleres. Precisamente, con respecto á marca provincial e co fin de responder ás novas necesidades derivadas da pandemia, a Deputación reforzou a contía das bolsas que pasaron dun total de 180.600 euros en 2019 aos 232.400 deste ano. Así, 226 deportistas obteñen estas axudas que lles permiten adestrar, preparar obxectivos e participar en competicións internacionais e nacionais. 152 son Depo Dan e reciben un total de 187.300 euros, mentres que 74 Depo Promesas reciben 45.100 euros. En total, a institución provincial leva investidos no que vai de ano máis de 3 millóns de euros no deporte da provincia.

También te puede interesar