Galicia Vigo al minuto

@depo_es e @EdGalaxia crean a primeira ‘Escola de Letras’ de Galicia

“Tod@s temos unha historia que contar”. Este será o lema da primeira Escola de Letras de Galicia, presentada este mércores pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o Director Xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro.

“Falamos dun proxecto no que a Deputación e Galaxia levamos traballando case un ano”, subliñou Carmela Silva, que definiu este lanzamento como “un soño cumprido que converte a esta provincia de novo nunha referencia”.É unha idea marabillosa, dixo, que apoia directamente ás escritoras e escritores, pero tamén a todas aquelas persoas que gozan escribindo e ás que podemos axudar a crecer na súa paixón”.

Francisco Castro amosou a súa ledicia por sacar á luz “a Escola de Letras, un proxecto novidoso e único a nivel galego e estatal, porque non existe nada así”. Castro agradeceu á Deputación “a súa complicidade coa cultura o que nos axuda a materializar proxectos como este que contribúen a transformar a realidade”. O director de Galaxia, subliñou que a Escola de Letras nace co obxectivo de ofrecer ás persoas a posibilidade de contar “as súas historias” e “converter en literatura as súas vidas”. “O único requisito marcado para participar, dixo é ter amor pola palabra e a literatura”.

Castro, que definiu o proxecto como moi ambicioso “que pretende transformar a realidade. Será un lugar para soñar a través da palabra”.

O director de Galaxia detallou que a Escola de Letras da Deputación terá un dobre emprazamento nas sedes provinciais de Vigo e Pontevedra e contará cunha oferta formativa dun gran poder lúdico que unirá literatura e pracer e que permitirá ás persoas asistentes gozar dos libros, da lectura e da escrita dunha maneira nova e insospeitada. Amais, estará aberta á participación de calquera persoa interesada, a partir dos 16 anos, xa que o alumnado non terá que ter coñecementos previos de ningunha clase e recibirá todo o material na propia Escola.

A súa posta en funcionamento terá que adaptarse aos tempos e medidas que vaia marcando a evolución da pandemia da Covid19, xa que o cronograma previsto para o comezo tivo que reformularse pola crise sanitaria.

“Se as autoridades sanitarias o permiten o primeiro obradoiro, sobre escritura creativa, terá lugar na segunda quincena de xuño en Vigo e, posteriormente, a Escola continuará o seu curso en setembro, con ata 9 obradoiros más
repartidos entre Vigo e Pontevedra”.

A actividade formativa desenvolverase ao longo do curso e estará baseada na realización dos obradoiros, dun máximo de 15 persoas cada un, que estarán dirixidos por escritoras e escritores. É dicir, “unha formación personalizada
porque queremos que escriban”, impartida por autoras e autores de dilatada traxectoria, primeiras espadas da literatura galega, e con experiencia na dirección para todos os chanzos de idade.

Así, a acción da Escola gravitará arredor destes obradoiros literarios en ambas sedes da Deputación. En Vigo se impartirán o de Escrita Creativa Básica, o obradoiro Literario de Perfeccionamento, o obradoiro de Poesía de Perfeccionamento e o obradoiro Literario para Maiores. En Pontevedra o de Escrita Creativa Avanzada, o
obradoiro Literario de Iniciación, o Literario Avanzado e o obradoiro de Poesía Básico.

También te puede interesar