Vigo al minuto

O Concello entrega diariamente 582 comidas na súa casa a persoas que as necesitan

Dende este luns está funcionando o servizo de ‘catering’ contratado polo Concello para complementar os menús que xa viñan cociñando no albergue – unha media de 120 comidas diarias para os seus usuarios e para os aloxados no Pavillón do Berbés- e as relixiosas do Fogar San Xosé e as Misioneiras do Silencio, que elaboraban 285 comidas de media cada día. O Concello recolle esas comidas preparadas e embaladas e entrégaas nos domicilios con furgonetas.

Con todo, o goberno municipal comprobou que estas entregas eran insuficientes ao quedaren unha media de 100 persoas sen comida cada día, polo que contratou unha empresa que, dende este luns, prepara 100 comidas ao día. Así, o Concello reparte diariamente unha media de 582 comidas preparadas polo albergue municipal, o Fogar San Xosé e as Misioneiras do Silencio.

O alcalde explicou na ‘rolda de prensa on line’ deste luns que, dada a situación de alarma sanitaria “non queremos que haxa colas nin aglomeracións de persoas nos comedores sociais, por iso levamos a comida á casa”. Abel Caballero insitiu en que as persoas que precisen axuda chamen ao teléfono municipal, 010, e subliñou que o aumento no número de entregas de comida a persoas que o precisen será “ilimitado” dado que o Concello atenderá as necesidades de todas as veciñas e veciños de Vigo.

También te puede interesar