Comarcas

@depo_es supende a presenza laboral no Pazo provincial, agás a de ‘persoal crítico’

O Comité de Seguimento da Deputación de Pontevedra fronte ao COVID19 reuniuse este domingo para, unha vez coñecidos todos os detalles do Real Decreto do Estado de Alarma pola situación de emerxencia sanitaria, tomar a decisión de suspender de xeito provisional para este luns a presenza de traballadoras e traballadores en todas as dependencias provinciais. A medida xa foi trasladada a todo o persoal mediante unha orde de servizo amais da información do emprego das tecnoloxías para realizar o traballo remoto.

O obxectivo é a reorganización ao longo deste luns de todos os servizos cara a procurar nas próximas dúas semanas a mínima presenza do persoal e facilitar, dentro do posible, o traballo remoto a todas aquelas traballadoras e traballadores que non formen parte dos Servizos Esenciais segundo os protocolos aprobados polas autoridades.

Neste sentido, o persoal crítico queda excluído desta suspensión provisional, exclusión que implica ao Centro Príncipe Felipe, que mantén a súa actividade ao cen por cen; as direccións xerais e habilitados/as nacionais; as Xefaturas de Servizo; a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e a Finca Mouriscade; unidades de vixilancia, telefonía, Rexistro Xeral; brigadas de garda, programa Revitaliza e CAU da Deputación.

Tamén, para manter o servizo público, será obrigada a presenza do persoal imprescindible de Novas Tecnoloxías, Secretaría Xeral, Intervención, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais. Toda persoa que traballe verá reforzadas as medidas de seguridade, distancia, limpeza e hixiene que se extreman ao máximo.

A orde de servizo, comunicada hoxe ás e aos traballadores, tamén contempla a suspensión con carácter indefinido do traballo presencial de mulleres embarazadas ou lactantes, ou empregados/as que convivan con elas; persoas declaradas de risco polas autoridades sanitarias ou as que convivan con elas, así como aquelas que convivan con persoas maiores ou con enfermidades crónicas.

As novas medidas e as que se deriven da reorganización dos servizos provinciais serán incluídas nunha nova resolución presidencial que se fará pública este luns para a súa aplicación inmediata.

También te puede interesar