RGPD - Cookies
Galicia

Os xulgados e tribunais galegos resolveron o ano pasado 325.072 asuntos

Os xulgados e tribunais galegos finalizaron o ano pasado 325.072 asuntos -1.231 de media por órgano xudicial-, un 19,9 % máis que en 2018, segundo os datos difundidos este venres polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A taxa de resolución, que pon en relación o volume de ingreso coa capacidade de finalización de asuntos dos órganos xudiciais, aumentou un 9,5 %, o que indica que están a resolver máis casos dos que ingresan.

Os órganos xudiciais da comunidade finalizaron o ano con 155.822 procedementos en trámite, un 0,5 % máis que na mesma data do ano anterior, cando estaban abertos 154.979 casos. Ingresaron o ano pasado 330.956 novos asuntos, fronte aos 302.278 de 2018, o que supón un incremento interanual do 9,5 %. No conxunto do Estado, o número de casos ingresados experimentou un incremento do 4,8 por cento.

A taxa de litixiosidade en Galicia (122,6) situouse por baixo da media do conxunto do Estado en 2019, que foi de 133,5 asuntos por cada mil habitantes.

Datos por xurisdicións

A entrada de asuntos incrementou en todas as xurisdicións, excepto na contencioso-administrativa, segundo os datos do informe ‘Situación dos órganos xudiciais no ano 2019’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Na xurisdición civil, o número de casos ingresados en Galicia en 2019 foi de 138.128, o que supón un aumento do 14 % respecto ao mesmo período do ano anterior. O ano pasado resolvéronse 132.685 asuntos, quedando en trámite ao final do exercicio 81.397, un 2,8 % máis que a finais de 2018.

Na xurisdición penal entraron 150.229 asuntos, o que representa un 6 % por cento máis que en 2018. O número de asuntos resoltos foi de 150.978 (un 12,5 % máis) e o de asuntos en trámite ao final do período de 40.378 (un descenso do 6,2 %).

Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 9.052 asuntos o ano pasado, o que supón un descenso interanual do 1,4 %. Resolvéronse 9.438 casos, un 20,5 % máis que no exercicio anterior, e quedaron en trámite 7.099, un 3,6 % menos que en 2018.

Por último, a xurisdición social tamén experimentou unha subida na entrada de procedementos, xa que os 33.547 ingresados representan un 11 % máis que en 2018. O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 31.971 e quedaron en trámite ao final do período 26.948, un 6,1 % máis que o ano pasado.

También te puede interesar