Comarcas

@depo_es facilitará o teletraballo e pecha o Museo provincial, os castelos de Soutomaior e Sobroso e cancela distintas actividades

Ante o peche dos centros escolares anunciado hoxe pola Xunta de Galicia, o goberno da Deputación de Pontevedra activou esta tarde un novo protocolo de actuación para que as traballadoras e traballadores da institución provincial
poidan acollerse a posibles medidas de flexibilidade laboral, reorganización de quendas ou traballo remoto, ao fin de minimizar o impacto nas familias.

Estas medidas, que serán efectivas a partir do próximo luns, non serán aplicables nos Servizos Esenciais como é o caso de Príncipe Felipe, a fin de garantir o benestar das nenas e nenos do Centro. Carmela Silva asinou unha resolución na que se fixan os requisitos para o seu funcionamento, sempre que sexa posible, e baixo os parámetros que se están a elaborar polas Xefaturas de Servizo.

Desde o departamento de Novas Tecnoloxías, xa se está a traballar nunha estrutura para que as traballadoras e traballadores da Deputación que poidan acollerse ao traballo remoto segundo as necesidades dos servizos, dispoñan desde os seus domicilios das condicións de conexión adecuadas para poder realizar on line as súas tarefas.

Museo Provincial
O goberno da Deputación decidiu hoxe o peche do Museo Provincial de Pontevedra desde este venres, co que quedan suspendidas todas aquelas actividades, seminarios, programas e visitas ata que a se restableza a normalidade. Igualmente péchase o Arquivo Provincial.

Unha traballadora do Museo está a desenvolver desde o pasado luns as súas tarefas desde o seu domicilio tras un contacto cunha persoa en Madrid que despois deu positivo no COVID19. A traballadora non presenta sintomatoloxía
algunha pero aínda así permanecerá na súa casa nas próximas dúas semanas.

Castelos, Escola de Cantería e Revitaliza

A Deputación tamén pechará desde este venres os Castelos de Soutomaior e Sobroso, así como a Escola de Cantería. Igualmente suspéndense todas as actividades que se estaban a facer nos centros escolares do programa Revitaliza, e dos programas DepoEmprende na Escola, na ESO e na FP, os cursos de Labora 2020 e as actividades presenciais de SmartPeme.

Barreiras de Seguridade

Aínda que a recomendación segue a ser evitar a presenza da cidadanía nas sedes da Deputación de Pontevedra e que o público realice todas as xestións ao través das canles telemáticas e telefónicas, o goberno de Carmela Silva decidiu tamén hoxe incrementar a protección do persoal e da cidadanía.

O goberno provincial, que lembra a recomendación de non celebrar reunións ou viaxes innecesarias, procedeu tamén á cancelación de novos actos como as conferencias de marzo e abril da Academia Galega de Ciencias,
e mañá venres interromperase o prazo de presentación de solicitudes do
programa Depotermal, cuxas quendas aprázanse ao segundo semestre do
ano.

Finalmente, quedan canceladas na provincia todas as actividades das DeporteEscolas dependentes da Deputación de Pontevedra. Son 209 nas que participan máis de 10.000 nenas e nenos

También te puede interesar