'Qué te cuentas?' Galicia

As demandas de execucións hipotecarias caen en Galicia a niveis de hai 12 anos

O ano pasado presentáronse en Galicia 758 demandas de execucións hipotecarias, a cifra máis baixa dos últimos doce anos. Só en 2007, o ano anterior ao comezo da crise económica, rexistrouse un número inferior (701). Os procedementos deste tipo abertos en 2019 descenderon un 42,7 % con respecto a 2018, cando se iniciaron 1.323 execucións hipotecarias. No conxunto do Estado, descenderon un 36,5 %, segundo se desprende do informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público este luns pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Os xulgados galegos practicaron o ano pasado 2.271 lanzamentos, dos que 1.800, o 79,2 %, foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), é dicir, por falta de pagamentos de alugueiro. Outros 396 corresponderon a execucións hipotecarias e os 75 restantes, derivaron doutras causas. En comparación co mesmo período do ano pasado, o número de lanzamentos na comunidade experimentou un aumento do 32,9 %, ao pasar de 1.709 a 2.271. Os anos 2018 –cando tivo lugar a folga de funcionarios que afectou ao normal funcionamento da Administración de Xustiza na comunidade- e 2019 son os que menos lanzamentos se contabilizaron desde 2013, cando comezaron a elaborarse estes informes. No conxunto do Estado, en 2019 experimentaron un descenso do 9,5 % con respecto a 2018.

O estudo, ademais, reflicte que o ano pasado os xulgados galegos ingresaron 145 demandas, das que resolveron 101, por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social.

Concursos

O informe presentado hoxe tamén inclúe datos dos concursos presentados nos xulgados do mercantil. Dos 257 rexistrados en 2018, pasouse a 319 en 2019, o que supón unha subida do 24,1 %. Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015 corresponden aos xulgados de primeira instancia e instrución, presentáronse en Galicia 227 casos, fronte aos 113 do mesmo período do ano anterior (un 100,9 % máis).

En canto aos expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (Es), na comunidade galega contabilizáronse 37 o ano pasado, un 12,1 % máis que en 2018, cando se rexistraron 33.

Nos xulgados do social, segundo o informe da Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, interpuxéronse 5.628 demandas por despedimento, o que supón un aumento interanual do 11 %, pois en 2018 rexistráronse 5.070.

O estudo, ademais, reflicte un incremento dos procedementos  monitorios presentados en 2019 nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia presentáronse 39.040, fronte aos 30.585 do ano anterior, o que supón unha subida interanual do 27,6 %.

También te puede interesar