RGPD - Cookies
Cultura Vigo al día

@DiosketeCrew en Vigo o vindeiro sábado, día 29

A banda de referencia do hiphop galego, ‘Dios Ke Te Crew’, presenta o seu último e agardado disco, ‘O Ciclo da Serpe’, en Vigo o vindeiro sábado 29 de febreiro na sala Master Club, nunha das únicas citas nas que se poderán ver os de Ordes, xunto co concerto deste sábado na Coruña.

‘O Ciclo da Serpe’ é un LP cargado de simbolismo e un traballo sisudo que amosa a madurez dunha banda que regresa logo de varios anos nos que se centraron en proxectos individuais. E fano mantendo o seu particular humor apegado á actualidade, cargado de aceda retranca, ironía palpable e certeira sátira, sen esquecer a tradicional vontade da banda de Ordes de intervención social, con temas dedicados á liberdade de expresión, á ultradereita, ás redes sociais ou á xestión do lixo, entre outros.

O Ciclo da Serpe ten un claro compoñente conceptual, tanto o propio título como todo o coidadoso traballo de arte do formato físico, coas ilustracións da artista Lidia Cao e con deseño e dirección de arte de Sokram (artista visual e vocalista membro do grupo). Na portada podemos contemplar un uróboros (serpe que engule a súa propia cola) a medio camiño entre animal e máquina, que entra e sae dun dodecaedro de pedra no que parece estar enredada. Un título e unha imaxe con complexos simbolismos dos que se poden arrincar distintas lecturas.

Este disco foi gravado e mesturado en Rapapoulo Estudio (Ordes) e masterizado en Jammin Masters (Berlín). Nel colaboran o actor Miguel de Lira en dous sketches; Alto Asalto e Hermano L nas voces; ademais de músicos como Manu Paino, Serxio García, Xosé Antonio Ríos, Martiño D. Mato, Inés MIrás ou Javier Pardiñas. A portada ten unha animación en realidade aumentada realizada polo artista audiovisual A.L. Crego.

Adiantos en forma de clip

‘Dios ke te Crew’ publicou dous adiantos ou singles en forma de videoclip. En decembro de 2018 anunciou o seu regreso con «Silenciø»,  dirixido polo recoñecido artista A.L.Crego (todo un alegato en prol da liberdade de expresión), e en marzo publicaba «Melancolía» -asinado por Xaime Miranda- trasladábanos cun discurso lírico existencialista a un escenario apocalíptico, inspirado no famoso filme de Lars Von Trier de mesmo título.

A banda de Ordes é un dos referentes musicais galegos dos últimos 15 anos e este é o seu terceiro traballo discográfico logo de deixar a súa pegada cos LPs «Xénese» (2006) e «Humanose» (2011), e logo dun período de «reflexión e recollemento», como eles mesmos cualifican, no que se dedicaron a outros proxectos persoais e discográficos individuais. Este traballo dará lugar a unha intensa xira de actuacións en directo que comezará o 11 de maio en Compostela, onde emerxerá novamente toda a potencia do rap en galego da mítica formación.

También te puede interesar