Vigo al minuto

@depo_es centra a programación da súa nova sede de Vigo na Cultura e a Igualdade

Carmela Silva presentou este luns, nun almorzo con xornalistas, a programación na nova sede da Deputación en Vigo, que subliñou a presidenta deste organismo, cumpre coa intención de que a delegación sexa , “un espazo aberto á cidadanía”.

Silva indicou que o programa para os vindeiros meses terá un dobre ‘leitmotiv’ a cultura e a igualdade e, ademáis, amosará un grande interese polas actividades de formación  e a preocupación por impulsar o emprendemento.

Cultura

No que atingue á Cultura o inmoble da rúa Chao recibirá  á propia Rosalía de Castro e ao pintor e escritor Modesto Brocos, o 24 deste mes coincidindo co Día de Rosalía- os dous percorrerán o Casco Vello dende as 7 da tarde.

Tres días antes, o 21, será o momento para, por medio do ‘Día do traxe galego’, reivindicar a necesaria proteción da nosa expresión propia, algo que fan de xeito admirable a zoqueira Elena Ferro e a ceramista Paula Ojea, Premios Nacionais de Artesanía.

O 11 de marzo abrirase ao público a exposición ‘Muller x muller’, da man de Rosa Sarmiento; o 14 de abril, a de ‘María Xosé Queizán‘, xigante da literatura e o movemento feminista galego, que amosará moitas das cousas que foi gardando ao longo da súa vida; tamén no mes de abril, unha exposición cos carteis que sairán nas manifestacións do #8M e, aínda sen data pechada, ecoa intención de que sexa ao aire libre, na propia rúa Chao, ‘O vento nas velas’, do fotógrafo Xurxo Lobato.

A Deputación tamén terá tempo e espazo para o ‘Día do Teatro’ (27 de marzo), o das Artes (1 de abril), o Día do Libro (23 de abril) e o da Música (21 de xuño).

Igualdade

A igualdade estará viva na nova sede da Deputación ao longo de todo o ano e moito máis na semana do 8 de marzo, ao abeiro do Día Internacional da Muller. Deste xeito, este mesmo martes, 11 de febreiro, ‘Día da Muller e da Nena na Ciencia’, vaise celebrar un encontro con mulleres do mundo da enxeñería, do Colexio Oficial de Enxeñería de Vigo, para visibilizar ás mulleres da ciencia e afondar nas matriculacións de mulleres en carreiras STEM,

Ao respecto, Silva adiantou que, xunto ao colexio, vaise poñer en marcha un proxecto para potenciar que as mulleres se incorporen a estas disciplinas académicas.

Xa con motivo do 8 de marzo, “imos facer múltiples actividades para berrar alto e claro contra a desigualdade e contra as violencias machistas. Este ano van xa 10 mulleres asasinadas e estamos enfadadas e fartas. É intolerable e por iso imos impulsar moitas iniciativas ligadas a este 8M”, asegurou Carmela Silva.

Así, o 3 de marzo inaugurarase ás 20.00 horas a exposición “Sempre marzo”, coordinada pola poeta Yolanda Castaño, que recolle unha selección de arte plástica e poesía a cargo de 33 creadoras e creadores galegas/os sobre igualdade e feminismo.

Un día despois, o 4 de marzo, terá lugar a actividade “Letras en feminino”, na que participarán autoras de narrativa e poesía coa finalidade de “visibilizar a revolución da literatura en Galicia, onde as mulleres están a ocupar grandes espazos”.

Tamén enmarcada na semana do 8M,terá lugar unha sesión de cinema en feminino con proxección de “Ouaga Girls”, “Visións” e “Sonita” os días 5,6 e 9 de marzo, respectivamente, ás 20.00 horas.

Formación e Emprendemento

Serán parte importante da  programación da nova sede e os días 13, 14, 17, 18, 19 e 20 de febreiro terá lugar o proceso de selección ligado ao programa europeo “Labora 2020”. “Trátase dun programa que ten por obxectivo impulsar 11 itinerarios personalizados para a mellora da formación e empregabilidade  e encamiñados a acadar un certificado de profesionalidade”, comentou Carmela Silva.

En total en Vigo foron 250 as persoas que presentaron a súa solicitude para participar en cursos centrados en hostalería, dinamización do tempo libre, socorrismo que comezarán a partir de marzo.

Ao mesmo tempo xa funciona o programa “SmartPeme”, que está a prestar asesoramento individualizado a persoas autónomas e emprendedoras, así como a impartir cursos de formación relacionados coas novas tecnoloxías.

 

También te puede interesar