RGPD - Cookies
Galicia

O Sindicato Labrego Galego alerta de que a caza do raposo está facilitando a proliferación da rata toupa e os seus danos

Os últimos informes elaborados sobre a incidencia da rata toupa que está a causar estragos na montaña lucense constatan que están afectadas máis de 1.600 hectáreas, pero a cifra real podería chegar ás 2.000 segundo técnicos consultados polo Sindicato Labrego Galego (SLG).

Aínda que, até agora, os principais danos están a ser causados en praderías, o Sindicato Labrego Galego recibe  denuncias de estragos directos en granxas de Pedrafita do Cebreiro, con «contiosas perdas na herba ensilada e na colleita de nabos das granxas».

Polo que puidemos saber, entre as medidas que planea a Xunta para facer fronte a esta praga está facer trampeo, en coordinación coas granxas. «Sen discutir esta medida, dende o Sindicato Labrego Galego cremos que vai resultar insuficiente. Neste senso, queremos subliñar como unha das principais causas desta praga o descenso poboacional dos seus depredadores naturais -donicela, raposo, aves rapaces…-, sobre todo pola caza, tanto legal como furtiva».

Por iso, dende o SLG ven necesario que a Consellaría de Medio Ambiente decrete a prohibición de cazar calquera especie depredadora natural das ratas toupa nos concellos afectados e nos limítrofes, pois de continuar a presión sobre os seus depredadores o desequilibrio ecolóxico agudizarase e a crise empeorará.

Dende este punto de vista, dende o sindicato critican que, xusto esta mesma fin de semana, a celebración do XXV Campionato Galego de Caza de Raposo nos concellos de Triacastela e Láncara, afectados pola praga. «A Xunta dedebería prohibir cautelarmente este torneo e calquera outra actividade que ameace con crear un desequilibrio ecolóxico semellante ao do xabaril en toda Galicia».

Ademais, para o SLG «a Consellaría de Medio Rural non pode mirar cara a outra banda diante das perdas que están a sufrir as granxas e que, como puidemos ver, van máis alá dos prados, creando unha liña de axudas para compensalas. Ao fin e ao cabo, a permisividade da Xunta co exterminio indiscriminado dos predadores naturais da rata toupa fai que sexa, en parte, tamén responsable da crise».

Finalmente, dende o SLG solicitan tamén a convocatoria dunha xuntanza cos axentes sociais dos sectores económicos e zonas afectadas pola praga para tentar coordinar forzas e buscar as mellores solucións a unha praga que, en comunidades veciñas como Castela e León, afecta 1.610.000 hectáreas (o 20% da superficie da comunidade), causou 30 millóns de euros en perdas e medio cento de persoas contaxiadas por turalemia.

También te puede interesar