Galicia Vigo al minuto

@depo_es a favor da transferencia da AP-9 a Galicia, como aprobou por unanimidade o Parlamento Galego

A Deputación de Pontevedra defenderá a transferencia da AP-9 a Galicia, de acordo coa resolución reiteradamente aprobada polo Parlamento galego, segundo o anuncio realizado no marco do debate plenario dunha moción presentada polo grupo provincial do PP sobre as peaxes.

O voceiro do grupo socialista, Carlos Font criticou a actitude do PP asegurando que “non imos admitir que o Partido Popular, o responsable da situación da AP-9, actúe con hipocrisía, cinismo e desfachatez”. A situación da AP-9, lembrou, débese á ampliación da concesión por 25 anos, aprobada no ano 2000 con Aznar de presidente e con Fraga na presidencia da Xunta de Galicia, e ao convenio con Audasa de 2011, pero tamén ao de 2013 do Partido Popular “e, sobre todo, á inacción da ministra Ana Pastor e do ministro Íñigo de la Serna, que nunca fixeron nada para evitar esta situación realmente discriminatoria”.

Concluíu que o balanzo ao respecto da AP-9 dos 7 anos de Goberno do PP é dun baleiro absoluto, “e agora esixen solucións a un Goberno en funcións; non se pode ter máis cara dura política”. Amais, o voceiro socialista compartiu a esixencia que o deputado do BNG, Uxío Benítez, fixo ao PP para que dea explicacións públicas da suposta necesidade de tratar este asunto nun pleno extraordinario, “que lle costa miles de euros á cidadanía”, cando podería habelo feito na sesión ordinaria. “É unha auténtica vergoña”.

Non obstante, tamén destacou a necesidade de que se debata, en sintonía cos compromisos do Goberno en funcións, a transferencia da infraestrutura a Galicia, “tal e como se acordou por unanimidade no Parlamento galego, cousa que vostedes esquecen na súa moción”, dixo en referencia ao grupo popular.

Diante desta situación concluíu que a Deputación de Pontevedra “defenderá alá onde haxa que defender, solucións a unha situación de custos para a veciñanza que non é asumible”. 

También te puede interesar