Vigo al minuto

Este Nadal #SaboreaRíasBaixas

A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha a campaña “Este Nadal saborea Rías Baixas”  que pecha a acción de promoción turística do 2019 “Fame de Experiencias” e na que “as produtoras e produtores locais se converten novamente en protagonistas”.

Compra nas Rías Baixas

Con esta campaña, tal e como explicou Carmela Silva, “preténdese que a cidadanía merque produtos das Rías Baixas e que se regalen cousas diferentes, ligadas ás emocións e ás experiencias”. Ademais, a presidenta do organismo provincial lembrou que se trata dunha iniciativa cun “firme compromiso co Medio Ambiente, xa que unha das cousas que se están a formular no Cume do Clima é mercar produtos de proximidade, menos contaminantes e máis respectuosos co medio ambiente tanto pola súa produción, como extracción, elaboración e comercialización. Por iso esta campaña ten ingredientes relacionados con todo o que ten que ver con este novo mundo que debemos crear”.

https://twitter.com/depo_es/status/1204363978270363648

Produtos de aquí

Carmela Silva detallou que a campaña de Nadal da Deputación, que xa se pode consultar na web www.turismoriasbaixas.com,  ten cinco eixos temáticos principais: “Enoturismo”, “Restaurantes con Estrela”, “De mercado en mercado”, “Mariscadora por unhas hora” e “Escancia a mellor sidra”. Co primeiro dos eixos ofértanse visitas a adegas nas que se ofrecen catas de viños da DO Rías Baixas, así como visitas a pazos, viñedos, xardíns, estancias nas propias adegas e bonos e packs de Nadal “para introducir ás persoas na cultura vitivinícola”.

No caso de “Restaurantes con estrela”, tal e como explicou a presidenta, “poñemos en valor os restaurantes con estrela Michelín da nosa provincia, onde contamos con cinco estrelas e outros cinco restaurantes que combinan a cociña tradicional coa máis vangardista, proporcionando deste xeito unha experiencia gastronómica única”.

A través de “De mercado en mercado” a Deputación pretende dar a coñecer “a orixe dos nosos produtos, toda a despensa das Rías Baixas, que é moi ampla e de grande calidade, a través das visitas aos nosos mercados e prazas de abastos”, subliñou Carmela Silva. Tamén haberá oportunidade de coñecer os produtos da provincia con “Mariscadora por unhas horas”. Neste caso, trátase doutra oferta experiencial na que se informa das propostas de Guimatur, Amarturmar e Amarcarril para realizar actividades de marisqueo, extraendo, tocando e degustando produtos do mar da man de mariscadoras.

A campaña “Este Nadal saborea Rías Baixas” tamén oferta o paquete “Escancia a mellor sidra” que permitirá ás persoas interesadas visitar a Ruta da Sidra da Estrada, visitando os lagares e as plantacións de mazá e degustando sidra local elaborada de forma ecolóxica.

Con “Este Nadal saborea Rías Baixas” ponse fin á campaña “Fame de Experiencias” que estivo vixente ao longo do 2019. “Xa lles adianto que en FITUR imos presentar unha nova campaña, moi creativa, moderna e centrada nos grandes valores da nosa provincia”, asegurou Carmela Silva.

También te puede interesar