Galicia

547.581 galegos vacináronse xa da gripe

A campaña de vacinación fronte á gripe, iniciada o pasado 14 de outubro, chega á súa sétima semana de actividade con datos de cobertura maiores aos rexistrados na mesma data do ano anterior, segundo informan dende o Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

A 28 de novembro, son 547.581 as persoas xa vacinadas, un 6,7% máis que en 2018. Delas, 380.578 pertencen ao grupo obxectivo de 65 anos ou máis, un 3,9% máis que un ano atrás. Deste xeito, a porcentaxe de persoas de 65 anos ou máis xa vacinadas acada o 55,9%, adiantando en case dous puntos porcentuais as cifras do pasado exercicio neste momento do ano.

Como en anteriores campañas, os índices máis elevados de participación obsérvanse nas persoas de 75 ou máis anos; neste caso, cun 63,12% fronte ao 61,99% da tempada anterior á mesma altura da campaña.

Por áreas sanitarias, os datos de cobertura na poboación de 65 anos ou máis son do 55,94% na Coruña e Cee, o 55,59% en Ferrol, o 56,80% en Santiago e Barbanza, o 60% en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; o 60,83% en Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras; o 55,21% en Pontevedra e O Salnés, e o 52% en Vigo.

Recomendacións

A vacina recoméndase a persoas de 60 anos ou máis, persoas residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas, nenos e adolescentes con tratamentos prolongados con ácido acetilsalicílico (AAS) e persoas entre seis meses e 59 anos con situacións de saúde que as predispoñan a padecer complicacións derivadas da gripe.

Desde este mesmo ano, o Sergas inclúe como poboación obxectivo aos nenos de entre seis meses e dous anos de idade que naceran prematuros. Do mesmo xeito, convídase a recibir a vacina a aquelas persoas que por razóns de convivencia ou laborais lle poden transmitir a gripe a persoas incluídas nos colectivos de risco (caso dos traballadores sanitarios) e a profesionais que desenvolven servizos esenciais á comunidade.

También te puede interesar